Concello de Sanxenxo - RECURSOS EDUCATIVOS DE SANXENXO EXPÓÑENSE NA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN EN SANTIAGO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Dúas alumnas de Educación Social, Desiré Peón e Julia Soutullo, presentaron distintos materiais do municipio

Sanxenxo, 6 de maio de 2024.- Da man de dúas alumnas de Educación Social e veciñas de Sanxenxo, Desiré Peón e Julia Soutullo, distintos recursos educativos do Concello de Sanxenxo expuxéronse durante unha xornada na Facultade das Ciencias da Educación en Santiago. A actividade enmárcase dentro dunha materia, Experiencias e recursos didácticos de Galicia, na que se recompilaron máis de 300 actividades de distintos concellos da comunidade galega. De Sanxenxo mostráronse varios recursos como o libro Aprende Seguridade Viaria co Poli Paco, Os Bolechas visitan o concello, A Oca da Muller, o conto "Violeta e Mariño", Mulleres no Obxectivo e o curto "Quen se apunta a tomar algo no bar de sempre".

Todos estes recursos xa aparecen recollidos en Galimap, un mapa interactivo con materiais didácticos elaborados por persoas e institucións para ser empregados como recursos educativos por profesionais da educación, especialmente de Educación Social.

O proxecto Galimap, mapa interactivo dos materiais didácticos sociocomunitarios de Galicia. Unha proposta desde Educación Social que xorde no marco da primeira convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa dirixida ao profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Galimap compleméntase coa páxina web do proxecto, vídeos e diferentes contidos en redes sociais e xogos dixitais.

A selección dos materiais foi realizada polo alumnado da materia "Experiencias e Recursos en Educación Social". Os recursos para a difusión deste proxecto son obra do alumnado de "Tecnoloxía Educativa", ambos os do segundo curso do Grao en Educación Social da USC.

A concelleira de Educación, Nati Parada, asegura que se "trata de poñer a Sanxenxo no mapa como creador de recursos educativos nos que xa leva traballando dende hai anos. En definitiva, un recoñecemento do traballo".

0
0
0
s2sdefault