Concello de Sanxenxo - SANXENXO VOLVE A SER LÍDER NACIONAL EN BANDEIRAS AZUIS CON 17 DISTINTIVOS EN PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio lidera o ranking en España cunha ampla marxe. Lévalle cinco ao segundo, Vigo, e sete, ao terceiro, Orihuela

Sanxenxo, 7 de maio de 2024.- Sanxenxo volveu coroarse esta mañá como o municipio español con máis bandeiras azuis en praias cun total de 17. Distintivos que mantén desde o 2003, actualmente cunha ampla marxe respecto ao segundo, Vigo, ao que lle leva cinco e sete ao terceiro, Orihuela. Un recoñecemento que hoxe fixo público a Adeac e que supón un importante esforzo tanto humano como económico. A insignia azul lucirá nos areais da Lapa, Area de Agra, Areas, Area Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro-A Lanzada, Panadeira Paxariñas, Pragueira e Silgar. Ademais, suma tres bandeiras no porto deportivo Juan Carlos I, o Real Club Náutico de Sanxenxo e no Club Náutico de Portonovo, e unha insignia azul no Centro Interpretación de As Telleiras.

O concelleiro de Turismo, Juan Deza, fai unha valoración positiva deste recoñecemento. "É unha satisfacción seguir sendo líderes, pero o máis importante é que detrás deste número hai unha serie de esixencias tanto en limpeza como en servizos en praias que forma parte da marca Sanxenxo", asegura. Na mesma liña, lembra que foi "un acerto a retirada de duchas e as papeleiras das praias" e incide en que "non nos conformamos e aspiramos a máis". Ademais, incide en que "tentamos ir un máis aló dos requisitos da Adeac como son os desfibriladores en cada praia ou os socorristas coa limpeza cada hora e media dos aseos nas praias".

Cabe lembrar que Sanxenxo conta coa bandeira de "Praias sen fume" nun total de 18 areais alcanzando a categoría de ouro determinada por Sanidade para todos aqueles concellos que teñen declaradas sen fume todas as praias incluídas no censo de zonas de baño. Nas praias sen tabaco non está permitido fumar na zona do areal, pero quedan excluídos desta medida os espazos ao aire libre dos locais de hostalaría situados nelas, como os chiringuitos. Trátase dunha medida educativa e de sensibilización social.

0
0
0
s2sdefault