Concello de Sanxenxo - O CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL SOALLEIRA CELEBRA A SÚA SEXTA EDICIÓN CON MARCA DE INSCRICIÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A cita congregará o domingo no Auditorio Emilia Pardo Bazán a un total de 72 agrupacións galegas

Sanxenxo, 7 de maio de 2024.- Un total de 72 agrupacións de música tradicional daranse cita este domingo a partir das 10:30 horas no Pazo de Emilia Pardo Bazán no VI Concurso de Música Tradicional Soalleira. Unha cifra que bate marca de participación ao duplicar case o número de edicións pasadas e ao que acudirán grupos de distintos puntos de Galicia. "Estamos moi contentos e atafegados pola participación. É moi boa noticia que haxa 72 inscritos porque iso quere dicir que a tradición está máis viva que nunca. Estamos moi felices por poder conservala", asegura Mari Agís, presidenta da Asociación Cultural Soalleira. Para a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, é "un orgullo ter asociacións como Soalleira no noso concello e contar con este concurso que, medra ano tras ano e que o Concello vai seguir apoiando".

O concurso, organizado pola Asociación Cultural Soalleira e o Concello de Sanxenxo, repartirá 4.100 euros en cinco categorías e dous accésits de vestiario. Nesta edición inclúese unha nova categoría, sénior, na que nesta edición participarán un total de once grupos. "A idea xurdiu da asociación cultural Retranqueiros de Ames que fixeron o ano pasado un concurso como o noso e nos gustou moitísimo. Neste grupo entra xente que empezou a tocar a pandeireta xa en idade adulta e iso conleva unha maior dificultade", explica Mari Agís.

O xurado estará composto por tres persoas e valorará a autenticidade, a dificultade, a afinación e a interpretación. O tempo por cada actuación non pode exceder o cinco minutos.

O concurso celebrarase en dúas sesións, ás 10:30 e ás 17 horas. A asociación cobrará unha entrada simbólica de 3 euros por cada sesión e os participantes contarán, como en edicións anteriores, cunha zona de estancia exterior, baixo unha carpa, onde poderán seguir o certame por streaming.

0
0
0
s2sdefault