Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 35 ALUMNOS DO IES DE SANXENXO PARTICIPAN NA RETIRADA DAS PLANTAS INVASORAS DA DUNA DE BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O Colectivo Ecoloxista do Salnés, en colaboración co Concello de Sanxenxo, realizou esta mañá a actividade

Sanxenxo, 9 de maio de 2024.- Un total de 35 alumnos de 4º da ESO do IES Sanxenxo participaron esta mañá na retirada das plantas invasoras da duna de Baltar. A actividade, organizada polo Colectivo Ecoloxista do Salnés en colaboración co departamento de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo, levou a cabo baixo as directrices de Xaquín Pomares que realizou as explicacións para realizar a tarefa. O obxectivo é erradicar da zona catro especies invasoras a uña de león, arctotheca caléndula, conyza bonariensis e as canas. "Levamos catro anos realizando esta actividade e xa se notan os resultados. Os rapaces fan un traballo excepcional", asegura Pomares.

O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, quixo acompañar ao CES e ao alumnado no arranque de actividade onde se realizaron as indicacións e a repartición de material como luvas, bolsas e legóns. O alumnado repartiuse en catro grupos e noutros tantos sectores da duna para iniciar a tarefa. "Esta actividade forma parte dun proxecto que se chama "Aprendizaxe e servizo", un plan innovador que busca que os rapaces se impliquen nunha tarefa que teña unha repercusión na contorna na que viven e, ao mesmo tempo, teña relación co seu plan de estudos", asegura Pomares.

A retirada destas plantas colonizadoras permite, á vez, protexer unha especie única en Galicia, a silene scabriflora, que conta en Baltar cunha dos seus grandes reservas naturais. Tamén se retiraron os pequenos piñeiros que de forma dispersa atópanse polo espazo dunar.

A actividade prolongouse ao longo de toda a mañá con aproximadamente medio centenar de sacos cheos de plantas invasoras retiradas da duna de Baltar. O departamento municipal de Servizos encargouse de xestionar os residuos recolleitos.

0
0
0
s2sdefault