Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REPARTIRÁ 31.000 EUROS EN PREMIOS NO CONCURSO DE IDEAS DA PRAZA DE ABASTOS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto construtivo contempla un edificio con cinco plantas e dous sotos para estacionamento e está valorado en 4.512.329 euros

Revitalizar e converter nun referente de produto fresco e gastronomía o mercado de abastos de Sanxenxo é o obxectivo que persegue o goberno local coa construción dun novo edificio para a praza que incluirá un aparcadoiro e un centro multiusos. O Concello de Sanxenxo en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia acaba de convocar un concurso de ideas dotado con 31.000 euros e do que sairá o deseño gañador das futuras instalacións.

O primeiro premio estará dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse até catro accésits de 500 euros cada un. A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto nun procedemento de contratación posterior valorado en 244.420 euros (IVE incluído). O prazo de presentación de ofertas conclúe o próximo 17 de agosto.

O proxecto contempla a construción dun edificio con cinco plantas e dous sotos. Recolle tamén o acondicionamento da contorna e rúas adxacentes para o que se prevé un orzamento de 4.512.329 euros. O mercado situarase na planta baixa de 550 m2 con catorce postos fixos para carnes, charcutería e embutidos; pollerías; ultramarinos; encurtidos, salgaduras e conservas; conxelados; lácteos e ovos; panadarías; e local de reparación de calzado e duplicado de chaves. Contémplanse 25 bancadas para peixes e mariscos; froitas, hortalizas, verduras e produtos de tempada. Inclúese tamén nunha zona anexa un espazo gourmet, que poida dar servizo á vez ao propio mercado e ao resto de equipamentos do edificio.

O edificio estará dotado dun aparcadoiro de uso de mercadorías do propio mercado, e un aparcadoiro de uso público, que poida ocupar incluso as rúas circundantes, en até dous sotos. O proxecto contempla un centro multiusos con equipamentos multidisciplinares como unha biblioteca e ludoteca pública, que dea apoio á xa existente no Pazo Emilia Pardo Bazán, un centro multidisciplinar que poida ofrecer á poboación nova e maior o desenvolvemento das súas actividades e aulas para asociacións deportivas, culturais, educativas, sociais, comerciais, turísticas de Sanxenxo para que poidan desenvolver e ofertar un amplo abanico de posibilidades deportivas, sociais, de lecer, de cultura ou de formación.

A proposta debe integrar o acondicionamento da contorna inmediata do edificio, das súas rúas circundantes, mesmo do espazo de rúa baixo o cal se proxectará o aparcadoiro subterráneo, no seu caso con arboledo apropiado, espazos de descanso con iluminación e mobiliario urbano. Tamén se deberá dar un tratamento adecuado ao canellón de acceso ao edificio desde a rúa Progreso, de face a dignificar o mesmo e sinalizar desde este viario o edificio que se proxecta.

 

0
0
0
s2sdefault