Concello de Sanxenxo - SANXENXO SUPERA A MEDIA DA TAXA DE RECICLAXE DE CARTÓN E ENVASE LIXEIRO POR HABITANTE A NIVEL AUTONÓMICO E NACIONAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, coñeceu as cifras achegadas por Ecoembes
 
Sanxenxo continúa a súa tendencia á alza na reciclaxe tanto de envases lixeiros como de cartón. O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, coñeceu durante unha reunión por videoconferencia con responsables de Ecoembes que o municipio supera a taxa de reciclaxe de cartón e envase lixeiro tanto a nivel nacional como autonómico. En 2019, a recollida media por habitante de envase lixeiro situouse en 19,55 quilos en Sanxenxo fronte aos 12,90 en Galicia e 17,10 en España. 
 
As cifras son aínda mellores no cartón e papel. Cada veciño de Sanxenxo reciclou unha media de 22,21 quilos deste residuo fronte aos 13,9 en Galicia e 19,4 en España. "O esforzo e a aposta do Concello durante os últimos anos pola reciclaxe está a contar coa boa resposta da cidadanía e os datos son cada vez mellores, pero o obxectivo é seguir incrementando as cifras", explica Juan Deza, concelleiro de Medio Ambiente.
 
Á espera dos datos definitivos, a tendencia destes bos resultados xa se reflicte tamén nas cifras provisionais do pasado ano. Ecoembes manexa por agora datos de 2020 que xa apuntan a un incremento na recollida selectiva no colector amarelo dun 8,35%, alcanzando os 364.540 quilogramos entre xaneiro e decembro, e un 10,76% na de papel e cartón con 423.491 quilogramos.
 
O importante esforzo realizado polo Concello para centralizar a recollida dos distintos tipos de residuos en illas de colectores soterrados ou semisoterrados facilita aos veciños a separación dos restos, contribúe a unha maior concienciación ambiental e mellora as condicións de salubridade destes puntos. En Portonovo instaláronse un total seis illas deste tipo, as últimas situadas en Rafael Picó e a Estrada da Lanzada, pero tamén en Sanxenxo modernizáronse e unificaron estes puntos de depósito de residuos ben en superficie como en Progreso ou Avenida Luís Rocafort, ou soterrados como no caso da contorna do porto.
 
0
0
0
s2sdefault