Concello de Sanxenxo - O PROXECTO METEOLANZADA DO COLEXIO TELLEIRO CONSOLÍDASE E XA NUTRE COS SEUS DATOS ÁS PLATAFORMAS CAMARAMAR E NOROMET
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A meteoroloxía é dende hai varios anos obxecto de observación e estudo no CEIP Telleiro a través de dous proxectos: MeteoNoalla e MeteoLanzada. Os datos rexistrados pola estación meteorolóxica do centro permiten aos alumnos coñecer a velocidade do vento, a temperatura, a humidade, a presión atmosférica, o índice ultravioleta e mesmo os litros de choiva por metro cadrado. Un proxecto didáctico e científico, levado a cabo entre toda a comunidade educativa, que xa nutre cos seus datos ás coñecidas plataformas Camaramar e á Asociación Meterológica do Noroeste Peninsular (Noromet). Tamén se publican os valores das métricas solicitadas a Weather Underground e a WeatherCloud.
 
En 2019 o Concello de Sanxenxo, a ANPA Ou Telleiro e a dirección de Telleiro asinaron un convenio de colaboración que tiña por obxecto afianzar e profundar no estudo do medio natural coa colocación dunha webcam que permitise ver en tempo real o estado do mar da Lanzada e unha aboia meteorolóxica. Desde o pasado verán A Lanzada xa é observada as 24 horas do día por unha cámara de alta definición instalada no patio do colexio, xusto á beira do pavillón. Unha instalación que obrigou a levantar unha columna de cemento para garantir a estabilidade da cámara e evitar vibracións, pero tamén a despregar fibra óptica para conectar a cámara co centro de comunicación do centro educativo.
 
A instalación de abóiaa meteorolóxica non se puido levar a cabo polo momento, pero espérase a que curto prazo poida ser xa un obxectivo cumprido. O colexio xa dispón dos permisos para a súa colocación no punto elixido e será a propia comunidade educativa a que se encargue da súa instalación que permitirá medir a altura das ondas, a temperatura da auga...
 
Recentemente, o centro instalou tamén no patio un sensor da calidade do aire, unha ferramenta que cobra especial relevancia co Covid, posto que hai estudos que mostran que altas concentracións de PM2.5 (un dos valores analizados no CEIP Telleiro) aumentan os brotes de Covid-19. Polo momento, a maioría dos días a marca de calidade do aire foi excelente.
 
Todos os datos obtidos, así como as imaxes en tempo real da cámara costeira, poden ser consultados libremente en https://meteonoalla.es
 
0
0
0
s2sdefault