Concello de Sanxenxo - O GOBERNO ACTIVA AS MEDIDAS PARA GARANTIR UN VERÁN SEGURO E DE CALIDADE NO QUE PREVÉ MÁIS VISITANTES QUE EN 2020
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O consello de administración de Turismo de Sanxenxo aprobará un orzamento de 2.244.803 euros para 2021

Seguridade e calidade serán, de novo, os dous sinais que Sanxenxo abanderará como destino este verán no que se prevé un maior número de visitantes que en 2020. O Consello de Administración de Turismo deu luz verde a todos os procesos de licitación relacionados cos servizos de praias, entre os que se inclúen as Q de Calidade e o control de seguimento sanitario das Bandeiras Azuis. O goberno quere anticiparse cuns preparativos que convertan de novo ao municipio nun referente turístico e mellorar as boas cifras, a pesar da situación sanitaria, conseguidas durante o pasado verán.

Así, deuse luz verde ás incoacións de expedientes para a contratación de salvamento e socorrismo en praias, a subministración de tres módulos prefabricados para dotar de novos aseos aos areais de Areas, Major, Montalvo, o servizo de limpeza de baños que repetirá o modelo de frecuencia e seguimento do verán pasado, o acondicionamento de praias e a explotación de servizos de quioscos, antucas e tumbonas. Este ano o goberno licitará un total de 12 quioscos para as praias de Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Pragueira, Major e Foxos.

O goberno ultima uns pregos que garantan a excelencia dos seus servizos con propostas que distingan o destino Sanxenxo dentro da oferta turística do norte peninsular. O custo dos servizos e posta a piques da tempada estival que inclúe, ademais dos areais, reforzo limpeza, melloras en viarias, pintados de rúas e dotación de aparcadoiros disuasorios roldará este ano os 1,5 millóns de euros, cifra similar á de 2020. En canto ao acondicionamento de praias, o goberno mellorará varios dos accesos de praias con novas pasarelas e cambios de localización de módulos nalgúns areais para garantir a accesibilidade e o bo funcionamento dos servizos.

O Consello de Turismo de Sanxenxo contará para este ano cun orzamento de 2.244.803 euros, unha cifra superior á de 2020 que ascendeu a 2.025.300.

O goberno manexa xa indicadores de recuperación turística a niveis anteriores á pandemia como o número de reservas de amarres no porto deportivo Juan Carlos I que xa se sitúan en cifras de veráns sen Covid.

0
0
0
s2sdefault