Concello de Sanxenxo - A XUNTA DOTA A EMERXENCIAS DE SANXENXO DUN NOVO CAMIÓN PARA INTERVIR EN ZONAS DE DIFÍCIL ACCESO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, xunto ao concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, acudiu a Pontevedra a recoller o vehículo xunto a dous efectivos do servizo
 
Emerxencias de Sanxenxo conta cun cun novo camión, unha bomba lixeira rural máis compacta que permitirá mellorar a resposta nas intervencións en zonas de difícil acceso ou viarios estreitos. O alcalde, Telmo Martín e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, desprazáronse á sede da Xunta de Galicia en Pontevedra xunto a dous efectivos do servizo para a recollida do vehículo. 
 
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega das chaves do vehículo ao alcalde tras a firma do convenio de colaboración. Á entrega tamén acudiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.
 
O camión, cun custo de 150.000 euros, conta cunha cisterna de 1.100 litros, o que supón unha cantidade de auga suficiente para afrontar unha primeira intervención nun lume urbano, pero tamén a posibilidade de dotalo dun equipo de excarceración para actuar en accidentes de tráfico.
 
O alcalde agradeceu á Xunta a súa implicación coas Emerxencias de Sanxenxo e destacou a importancia das características do vehículo para as emerxencias en determinados puntos do municipio. "Este camión ten unhas condicións e un tamaño que lle permite entrar en viais moi estreitos na vila de Portonovo e Sanxenxo, pero tamén en moitas zonas do rural", explicou.
 
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta destacou a implicación e o esforzo de Sanxenxo no servizo de Emerxencias. "É absolutamente merecido que a Xunta de Galicia colabore cun concello que sempre se distinguiu por darlle as emerxencias a importancia que teñen. Sanxenxo é un exemplo en toda Galicia polo seu esforzou neste servizo", sinalou.
 
Este camión vén reforzar a ampla frota de vehículos de Emerxencias Sanxenxo entre os que se atopan: Un todoterreo forestal, un camión contraincendios, unha pick up que funciona como vehículo de apoio e mando, unha furgoneta, unha moto acuática, así como dúas embarcacións neumáticas semirrígidas. Ademais, de dous equipos completos de excarceración que optimizan a resposta en caso de accidente.
 
 
0
0
0
s2sdefault