Concello de Sanxenxo - SANXENXO ESTREARÁ EN FITUR TRES NOVOS FOLLETOS TURÍSTICOS, UNHA NOVA WEB E UN CÓDIGO "QR"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os novos materiais inclúen recursos turísticos menos coñecidos e de tempada baixa, a Rede Natura 2000 e o patrimonio

Sanxenxo estreará en Fitur os novos materiais de promoción turística. Acceder á información de interese para o visitante será máis fácil, a partir de agora, a través dun código "QR" que che remite á web turismodesanxenxo.com.

Ata agora Sanxenxo contaba cun só folleto enfocado basicamente ao verán. O obxectivo é crecer os 12 meses do ano e con esa intención actualizáronse os materiais de promoción turística. En papel a información distribuíuse en seis folletos temáticos, que abarcan desde as praias e a costa ata os recursos menos coñecidos como a ría de Arousa, as rutas do interior e o patrimonio. Do seis folletos, tres estrearanse en Fitur, que son "Praias", "Paisaxes" e "Patrimonio". Nos outros tres, "Gastronomía", "Saúde e benestar" e "Náutica", xa se está traballando.

Pola súa banda, a nova web conta cun sistema operativo máis versátil e seguro. A información está dispoñible en castelán, galego e inglés e estruturouse seguindo os seis apartados temáticos dos folletos. Outra novidade relevante é que toda a información da web esta xeolocalizada, de maneira que xa sexa a través do buscador ou cliqueando en calquera dos ítems (lugares, praias, igrexas, rutas, etc.) sempre apareza un mapa que sitúa o que se está buscando e o que hai nos arredores. Ademais, mediante o buscador o visitante pode coñecer a oferta turística que hai na contorna do lugar desde o que se conecta. A web inclúe un apartado de aloxamentos de Sanxenxo, cámpings, apartamentos turísticos, casas rurais e hoteis, desde unha estrela ao catro estrelas superior.

Un dos aspectos ao que máis importancia se deu nos folletos e a web é a selección das fotografías. O deseño dos folletos apóiase fundamentalmente en imaxes que mostran os atractivos de Sanxenxo e infografías que facilitan a localización das praias, o percorrido dos carreiros ou rutas e o patrimonio. Por exemplo, o folleto das "Praias" ten un mapa que sitúa os 22 principais areais de Sanxenxo e as súas 17 bandeiras azuis. O resto do folleto son fotografías que mostran a variedade e beleza das praias de Sanxenxo.

O folleto de "Paisaxes" distingue entre a costa e o verde do interior, facendo especial énfase nas 324 hectáreas que forman a Rede Natura 2000 de Sanxenxo no litoral das rías de Pontevedra e Arousa. No folleto de "Patrimonio" destácase a importancia que o istmo ou a punta da Lanzada tivo ao longo da historia. En ambos os folletos, as fotos e os mapas son a mellor forma de situar e dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio de Sanxenxo.

O código "QR" é unha ferramenta dixital que facilita a accesibilidade á información desde calquera lugar. Incluíuse na contraportada dos folletos turísticos e durante os próximos meses despregarase nas praias, rutas de sendeirismo, pazos ou calquera outro lugar de interese turístico. Desta forma o visitante poderá profundar na información sobre a igrexa que ten diante ou a ruta que estea percorrendo, ademais de poder acceder ao resto da información turística.

0
0
0
s2sdefault