Concello de Sanxenxo - XUNTA E CONCELLO RUBRICAN O CONVENIO PARA HUMANIZAR O CORAZÓN DA ACTIVIDADE COMERCIAL DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto, valorado en algo máis de 2,3 millóns de euros, está previsto que salga a licitación a próxima primavera

O alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricaron esta mesma mañá o convenio para a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo. Un proxecto valorado en 2.328.775,84 euros e un prazo de execución de 15 meses que está previsto que se licite a próxima primavera. A Xunta de Galicia financiará o 70% do custo da actuación e o Concello o 30% restante para transformar o núcleo da actividade comercial de Portonovo.

As obras está previsto que dean comezo en setembro para poder concluílas o próximo ano e interferir o mínimo na actividade comercial e turística da vila mariñeira. Martín lembrou que este tramo e o comprendido entre as rotondas de Arnelas e Baltar completarán a humanización da PO-308 entre A Granxa e Sanxenxo, case 18 quilómetros. "En cinco anos transformamos unha estrada chea de defectos e caótica na gran vía ou boulevard que Sanxenxo necesitaba para articular a maior parte das súas vivendas e a actividade turística", asegurou.

Vázquez, pola súa banda, incidiu na "transformación radical do núcleo de Portonovo e a mellora de seguridade e accesibilidade que suporá esta obra que permitirá converter unha estrada nunha rúa onde o protagonismo o terán as persoas".

A actuación centrarase nun tramo de 810 metros no que se habilitará un espazo peonil accesible dun ancho mínimo de 2 metros, zonas de carga e descarga e espazos de descanso con xardinaría. O proxecto contempla dúas glorietas, unha na intersección coa Rúa Areal e outra no cruzamento da Perla.

O proxecto tamén inclúe a instalación das canalizacións subterráneas para a telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.

0
0
0
s2sdefault