Concello de Sanxenxo - CONCELLO E CETS SORTEARÁN EN FITUR DEZ ESTANCIAS EN SANXENXO PARA PROMOCIONAR O DESTINO TURÍSTICO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio conta, por segundo ano consecutivo, con stand propio no pavillón de Turismo de Galicia e estreará novos folletos turísticos

Co obxectivo de promocionar o destino e animar a visitar o stand propio de Sanxenxo dentro do pavillón de Turismo de Galicia, Concello e CETS sortearán na Feira Internacional de Turismo (Fitur) dez estancias para dúas persoas e durante dous días en Sanxenxo.

Desde mañá e ata o vindeiro domingo, todas as persoas que acudan ao stand de Sanxenxo, saquen unha foto e a suban ás redes sociais co hashtag #SanxenxoEnFitur mencionando a Turismo de Sanxenxo en Twitter, Instagram e Facebook entrarán no sorteo. Unha vez conclúa a feira e durante o mes de xaneiro, sortearanse entre os participantes as estancias que deberán ser desfrutadas ao longo deste ano. Só se admitirá unha foto por persoa.

Sanxenxo acudirá a esta edición de Fitur con novos materiais de promoción turística. Co obxectivo de crecer os 12 meses do ano actualizáronse os folletos de información turística e a web turismodesanxenxo.com. En papel a información distribuíuse en seis folletos temáticos, que abarcan desde as praias e a costa ata os recursos menos coñecidos como a Ría de Arousa, as rutas do interior e o patrimonio. Do seis folletos, tres estrearanse desde mañá en Fitur, que son "Praias", "Paisaxes" e "Patrimonio". Nos outros tres, "Gastronomía", "Saúde e benestar" e "Náutica", xa se está traballando.

O código "QR" é unha ferramenta dixital que facilita a accesibilidade á información desde calquera lugar. Incluíuse na contraportada dos folletos turísticos e durante os próximos meses despregarase nas praias, rutas de sendeirismo, pazos ou calquera outro lugar de interese turístico. Desta forma o visitante poderá profundar na información sobre a igrexa que ten diante ou a ruta que estea percorrendo, ademais de poder acceder ao resto da información turística.

0
0
0
s2sdefault