Concello de Sanxenxo - UNHA EMPRESA OPTA A EXECUTAR O PECHE E INSTALACIÓN DE BAÑOS NA PISTA POLIDEPORTIVA DE NANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de presentación de ofertas para a execución do proxecto do peche e instalación de baños na pista polideportiva do colexio de Nantes concluíu onte coa oferta de Construcións Castro Figueiro.

A actuación saíu a licitación a finais do pasado mes de decembro por 249.949,80 euros. A obra consistirá en dotar de aseos, así como un almacén para equipamento deportivo, cerramento e carpintaría exterior á pista polideportiva cuberta realizada na primeira fase, instalación eléctrica, de iluminación e protección contra incendios, alcanzando o global da construción executada un nivel de acabado e servizos totalmente óptimo e apto para a práctica deportiva.

O cerramento exterior da edificación executarase a base de paneis prefabricados de formigón macizos, acabado en cor gris liso de molde para pintar pola cara exterior e gris con regulado manual. En canto á carpintaría exterior realizarase con aluminio anodizado en cor e contempla 15 xanelas (5 de corredera) e un total de 14 portas para baños, entradas e almacén.

O proxecto recolle un módulo de aseos a base de muretes de bloques de formigón, en cor gris para revestir e laxa prefabricada alveolar. As placas alveolares serán de formigón pretensado, de 120 centímetros de anchura e 16 centímetros de canto. A edificación dotarase da instalación eléctrica e de iluminación a base de proxectores LED de última xeración.

No exterior da edificación, contémplase a urbanización cun firme perimetral de zahorra artificial compactada e dunha beirarrúa de formigón armado con acabado raiado, pola fachada de acceso ao pavillón. Así mesmo instalarase unha rede de recollida de augas pluviais e unha canalización para augas residuais.

No apartado de melloras do prego de condicións, inclúese a subministración e instalación do pavimento deportivo de alta resistencia, con cor a elixir, nunha superficie de 1.152 metros cadrados, así como a marcaxe e pintado de campos regulamentarios de fútbol sala e de baloncesto. En total, as melloras están valoradas en 55.572 euros.

Os técnicos municipais valoran agora a memoria descritiva dos traballos incluída na oferta do licitador.

0
0
0
s2sdefault