Concello de Sanxenxo - O DIQUE DEFINITIVO DE CONTENCIÓN DE AREA NA CARABUXEIRA SUPERA O TRÁMITE DE IMPACTO AMBIENTAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Nauta Sanxenxo, Costas e Portos de Galicia analizaron o informe no seo da comisión de seguimento de rexeneración dos areais

O proceso da rexeneración definitiva da praia da Carabuxeira e Lavapanos avanza na súa tramitación administrativa. O informe de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolve que no proxecto presentado por Nauta Sanxenxo para recuperar os areais "non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario sometelo a avaliación de impacto ambiental ordinaria".

O informe no que se consultou a un total de 12 organismos foi analizado onte no seo da comisión de seguimento no que está representada Nauta Sanxenxo, Costas e Portos de Galicia. O proxecto contempla a construción dun dique de contención de area formado por un núcleo de formigón forrado de granito. O seu trazado en planta consiste en ir unindo as rocas existentes para construílo coa menor cantidade de material exterior. A anchura do espigón sería de 2,24 metros e unha lonxitude de case 100 metros. Tras a colocación deste dique retiraríanse os tubos xeotextiles da praia colocados na fase provisional. Esta actuación vai acompañada da reposición de 27.000 m3 de area en ambas as praias, dos que xa se achegaron 10.000 m3 na primeira fase.

Esta primeira fase do proxecto resulta clave para a recuperación do perfil de ambos os areais e o obxectivo principal da actuación. Costas, que non se opón á execución do dique, si pide no informe que, antes de iniciar a construción, se xustifiquen as posibles vantaxes e inconvenientes da demolición do morro do espigón do porto e a redución da súa dimensión.

En canto á mellora dos accesos e a construción dun paseo litoral, incluídos nunha segunda fase, Costas incide que na actualidade só sería posible un paseo ben de tipo desmontable ou de carácter fixo en servidume de tránsito que "na actualidade está ocupada por diversos cierres e edificacións que ocupan 6 metros da servidume de tránsito" e descarta o arranxo de accesos rodados ou escaleiras á praia.

O presidente de Nauta Sanxenxo, Telmo Martín, explica que "a rexeneración é un longo proceso no que acabamos de dar un paso importante, pero non imos a deixar de insistir na recuperación desta parte da fachada marítima e seguiremos traballando para que o noso litoral poida ser desfrutado por veciños e visitantes".

0
0
0
s2sdefault