Concello de Sanxenxo - O CONCELLEIRO DE TURISMO, JUAN DEZA, EXPÓN EN FUENGIROLA AS BAZAS DE SANXENXO COMO DESTINO TURÍSTICO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O edil participou nunha mesa coloquio baixo o título "Turismo e xestión do éxito" no I Foro Internacional de Cidades Abertas

Sanxenxo, 29 de abril de 2024.- O concelleiro de Turismo, Juan Deza, participou esta mañá no I Foro Internacional de Cidades Abertas celebrado en Fuengirola nunha mesa coloquio baixo o título "Turismo e xestión do éxito" na que tamén participaron a embaixadora de Costa Rica en España, Adriana Bolaños; cónsul xeral de Corea de Sur en España, Hyuncheol Jang; e o conselleiro da Embaixada de Finlandia en España, Pasi Kokkonen. O Palacio da Paz da localidade acolleu o acto inaugural deste encontro co que a cidade impulsou o seu protagonismo en proxección exterior debatendo, con altos representantes vindos de catro continentes, sobre o presente e o futuro do turismo mundial.

Deza realizou un repaso pola evolución turística de Sanxenxo pondo 1999 como o ano do cambio máis importante. "Ata ese momento ningún hotel abría máis de 6 meses. Os coches invadían os espazos urbanos e naturais degradándoos. Non había un proxecto claro do municipio", explicou. Desde ese momento, xurdiu "a aposta dalgúns empresarios por hoteis de 4 estrelas que abren todo o ano e o slogan Sanxenxo, 365 días diferentes".

Así mesmo, sinalou que hai razóns dabondo para visitar Sanxenxo calquera fin de semana do ano. "Gastronomía, paisaxe e patrimonio son algunhas desas razóns", apuntou, e sinalou que "desde hai uns anos estamos empeñados en converter o Nadal na terceira tempada alta, despois do verán e a Semana Santa". O concelleiro de Turismo engadiu a este "cóctel turístico" as segundas residencias. "As familias que posúen unha segunda residencia son parte do plan de crecemento en tempada baixa, a súa proximidade e facilidade para vir a Sanxenxo", expuxo.

Na mesma liña, sinalou que cando un destino turístico é sobradamente coñecido como é o caso de Sanxenxo a mellor promoción é a recuperación e humanización de espazos públicos como o porto deportivo que vemos na imaxe, a realización de novos equipamentos relacionados coa gastronomía (Quintáns, novo mercado), a paisaxe (Senda e A Telleira) e o patrimonio (xacemento A Lanzada) e a modernización das infraestruturas. "É a forma de fidelizar a quen te visita cada ano e sorprender aos que o fan por primeira vez", indicou.

Desta forma, concluíu, conseguimos ser "o primeiro destino turístico do norte de España no verán e a visita de 760.000 turistas e 3,8 millóns de pernoctaciones en 2023".

0
0
0
s2sdefault