Concello de Sanxenxo - O CLUB DE XUBILADOS DE PORTONOVO E O CONCELLO DE SANXENXO RENDEN HOMENAXE A MANOLO BEA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O acto terá lugar este mércores, 1 de maio, a partir das 11:30 horas, na sede do colectivo

Sanxenxo, 29 de abril de 2024.- O Club de Xubilados de Portonovo e o Concello de Sanxenxo, a través do departamento de Servizos Sociais e Maiores, dirixido por Paz Lago, renderán homenaxe a Manolo Bea este mércores, 1 de maio, a partir das 11:30 horas, na sede do colectivo. "É o momento de devolverlle parte do tempo que lle leva adicado aos demais e ao desenvolmento cultural de Portonovo", asegura Jesús Carballa Lima, presidente do Club de Xubilados de Portonovo.

Manuel Bea (1934) foi un adiantado ao seu tempo e un impulsor da vida social, cultural e deportiva na vila mariñeira. Organizou o Enterro da Sardiña durante máis de trinta anos, fundou Os Gatiños de Portonovo, motivo polo que recibiu a Raia de Ouro en 2004 e creou a Asociación de Veciños de San Cristóbal. Tamén participou nas primeiras ANPAs de Portonovo, colaborou coa directiva do Club de Fútbol de Portonovo e presidiu a comisión de festas ata en dúas ocasións. Unha vida que recompilou nun libro "As miñas memorias e algo máis" presentado en 2019.

En 1969 comezou a colaborar cunha ou dúas crónicas semanais co xornal "O Pobo Galego" e seguiu escribindo como colaborador do Faro de Vigo ata 1986. Nos últimos anos, tamén colaborou con algún texto nos libros das xornadas anuais de "Sanxenxo na Historia".

A súa profesión como ebanista levoulle a realizar maquetas, de maneira completamente artesanal, con madeira, cartón e escaiola, como a réplica dun taller de cordelería para barcos de principios do século XX; un muíño eléctrico de 1930, que foi propiedade do seu pai, José Bea Vázquez; o prototipo dunha batea de cría de mexillón; a Casa Mariñeira de Don Fernando e a contorna da Ermida de Nosa Señora da Lanzada.

0
0
0
s2sdefault