Concello de Sanxenxo - A ILUMINACIÓN INCLUIRÁ RECUNCHOS DE NADAL EN TODAS AS PARROQUIAS E NAS TRES VILAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

No acendido que está previsto para o primeiro fin de semana de decembro inclúense novidades, melloras e un total de 262 elementos

Unha proposta de iluminación e decoración innovadora para un Nadal diferente. Ese é o obxectivo da Concellaría de Cultura dirixida por Paz Lago que creará recunchos de Nadal en cada unha das sete parroquias e as 3 vilas, ademais da iluminación de espazos públicos máis vistosos do municipio até un total de 262 elementos. O acendido está previsto que se faga o primeiro fin de semana de decembro.

Lamentablemente a situación sanitaria impide a celebración da tradicional Cabalgata de Reis, así como a instalación da carpa de Nadal da Praza dos Barcos que viña facéndose desde 2018. A concellaría está a traballar nunha alternativa sanitariamente moi segura que permita que os nenos poidan ver aos Reis Magos.

Este ano a iluminación de Nadal ten que compensar o ambiente e a alegría das actividades que a pandemia obriga a suspender. O investimento da iluminación de Nadal tivo un importante crecemento nos últimos anos: 2017 (40.500€), 2018 (83.000€), 2019 (90.598€) e este ano está previsto incrementar lixeiramente a partida. A principal novidade decorativa serán os recunchos de Nadal que permitirán aos veciños realizar as súas propias postais de Nadal sen saír do municipio. Igualmente, reforzarase a iluminación en rotondas e espazos públicos con maior actividade comercial.

En Sanxenxo unha gran bóla presidirá a Praza dos Barcos e decoraranse as catro árbores da Praza Pascual Veiga con bólas luminosas. A entrada ao municipio desde a rotonda da vía rápida terá iluminación do Nadal e continuará polo centro da vila até o porto deportivo con diversos motivos en farois e nas rotondas como estrelas, unha nogueira e unha árbore de 16 metros de alto. Unha composición formada por un marco espello, unha cadeira e un cono luminoso de catro metros decorará a entrada ao consistorio municipal.

Portonovo contará con dous recunchos de Nadal, un no Espiñeiro formado por un gran oso e outro ao final da Avenida Rafael Picó, preto da parada de taxis, cunha familia de cervos. Iluminarase tamén con arcos a contorna da igrexa e as rotondas de Baltar, de Portonovo e do porto.

En Vilalonga, o recuncho de Nadal estará formado por un buzón e unha familia na Praza Pública. As luces do Nadal reservaranse para as rotondas con dúas árbores de 8 e 12 metros de altura.

En Bordóns, a praza de Manuel Cortés estará presidida por un boneco de neve e iluminaranse as rotondas de Areas e a subida á igrexa. En Dorrón, darase protagonismo á estrada principal Outeiro - Carballeira con báculos luminosos na entrada do colexio e a contorna da Carballeira. Á entrada do centro educativo colocarase unha gran figura de Papa Noel.

En Nantes iluminaranse as zonas máis poboadas como o ano pasado e crearase un recuncho de Nadal cunha familia de cervos na contorna do parque ou a igrexa. En Noalla, unha árbore de 12 metros e unha familia de cervos serán os protagonistas da súa decoración de Nadal que mantén a iluminación da rotonda de Noalla e o centro da Revolta.

0
0
0
s2sdefault