Concello de Sanxenxo - A RAIA DE OURO 2019 SERÁ PARA MANOLITA DOMÍNGUEZ
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Será o Alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o encargado de entregar este galardón durante o acto oficial que terá lugar o domingo día 5 de maio.

Esta distinción, que se outorga a aquelas persoas ou agrupacións que desempeñan unha labor en favor da vila mariñeira, concédese con motivo da celebración da Festa da Raia, que este ano alcanza xa a súa XXIV Edición. A imposición desta insignia constitúe unha das principais citas da programación que se desenvolverá a fin de semana  do 4 e 5 de maio na Lonxa de Portonovo.

“Queremos recoñecer a aposta firme e continua que Manolita fixo ao longo da súa traxectoria profesional por Portonovo, respondendo sempre ante a vila mariñeira sen ter en conta ou vaivén da economía nin a oportunidade”, sinalou o rexedor local.

Manolita Domínguez Outeda naceu en Portonovo en 1940. Aos 12 anos comezou a aprender o oficio de redeira ao saír do colexio, “era cativa coma a fame pero ataba que daba gusto verme atar”, sinala Manolita.

Cando empezou tiña ata 7 xefas diferentes, para as que ataba e coas que aprendía a perfeccionar as técnicas. Aos 18 anos, quixo emprender e formou ao seu propio grupo de atadoras, empezando con 6 mozos e chegando a ter un grupo de máis de 34 persoas que día a día aprendían ao seu lado.

Ademais de redera, Manolita destaca que é famosa, “pois xa fixen 5 programas de televisión”.

Manolita é moi querida en Portonovo e está tremendamente agradecida coa entrega deste galardón, pero non o esperaba, “cando me chegou o Alcalde pola porta, pensei que viña pedir o voto, pero nunca imaxinei isto”, di.

Entre as diferentes actividades que se poderán gozar esta fin de semana en Portonovo, atopamos o sábado día 4, ás 11.00 h, a RaiaRace, unha competición de obstáculos na Praia de Portonovo.

Obradoiros, Showcooking, música na rúa, e concertos están incluídos nesta programación que poderá consultarse na axenda habilitada na páxina de inicio da web do concello e a través desta ligazón.

 

 

0
0
0
s2sdefault