Concello de Sanxenxo - A Concellería de Medio Ambiente xa dispón de 64 novos composteiros individuais que repartirá esta semana
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo continúa coa implantación da compostaxe doméstica en vivendas unifamiliares con horta ou xardín para a xestión dos biorresiduos.

Algúns veciños xa xestionan os seus biorresiduos “in situ”, mediante composteiros de adquisición propia ou cedidos noutras ocasións polo Concello.

Esta semana recibiu 64 composteiros individuais e 64 aireadores cedidos polo Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. A cesión de uso destes composteiros realizarase entre a veciñanza que xa fixera unha solicitude previa na Concellería de Medio Ambiente. Igualmente as persoas interesadas en participar neste proceso poden informarse na Oficina de Medio Ambiente, chamando ao 986.744.909 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Os biorresiduos son restos orgánicos de orixe vexetal ou animal que se degradan bioloxicamente, que obtemos tanto na cociña como na horta e no xardín. En lugar de tirar os biorresiduos ao colector do lixo podemos aproveitalos para facer compost, que é un abono orgánico co que estaremos devolvéndolle á terra unha parte do que nos deu, e así pechar o ciclo. Botaremos os restos da comida como restos de peixe, carne, mondas da froita, borlas do café, restos de poda, follas, malas herbas, etc.

Con esta medida preténdese mellorar a xestión dos residuos, non só dos biorresiduos, xa que ao separar correctamente os restos orgánicos, facilítase a separación dos outros materiais reciclables (vidro, envase e papel-cartón). O Concello de Sanxenxo persigue o obxectivo marcado pola Directiva de Residuos da Unión Europea que establece que os concellos deben tomar medidas para que a partir do ano 2020 se reciclen o 50% dos residuos producidos nos fogares.

As familias ás que se lle ceda o composteiro comprométense a utilizalo correctamente, asistindo a unha charla formativa, e autorizando ao mestre composteiro do Concello a facer ao menos dúas visitas de seguimento aos domicilios durante o ano posterior á súa entrega. Tamén facilitarán os datos que se lle requira por parte do Concello relativos ao proceso de compostaxe, e no caso de non utilizar axeitadamente o composteiro, devolveríano para poder ser utilizado por outros veciños.

En Sanxenxo contamos cunhas 2.000 vivendas unifamiliares coas condicións ideais para facer compostaxe doméstica, nas que residen uns 8.000 habitantes, así é que, para seguir avanzando cara a implantación da compostaxe individual, o Concello tamén solicitou unha axuda ao Ministerio de Transición Ecolóxica para adquirir outros 200 composteiros dentro do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA).

0
0
0
s2sdefault