Concello de Sanxenxo - O Xulgado do Social Nº 3 desestima a demanda presentada polas traballadoras do SAF e CC.OO, confirmando a legalidade dos cambios postos en marcha pola Concellería
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A sentenza desestima a demanda interposta polo comité de empresa que solicitaba a nulidade ou a declaración de non axustados a dereito os cambios nas condicións de traballo do persoal do SAF e absolve ao Concello das pretensións exercitadas na súa contra.

A sentenza sinala que o Concello convocou todas as reunións para informar e negociar sobre os cambios para introducir cos representantes das traballadoras a pesar das reiteradas negativas destes últimos para chegar a un acordo.

Os cambios na organización do traballo son 3:

1) Un sistema de fichaxe telefónica á entrada e saída do servizo con chamada a un número gratuíto.

2) A ausencia dun usuario por hospitalización ou falecemento coincidindo co final da xornada implica que esas horas non traballadas pasan a unha bolsa de traballo a favor da empresa, menos cando a ausencia é producida en metade da xornada.

3) Fixación de gardas localizadas nos días libres das traballadoras por se se produce a baixa imprevista dunha compañeira.

Moito antes de introducir estes cambios o goberno incrementou o complemento de destino dos 16,37 € ao mes que cobraba cada traballadora aos 137,57 € polas 14 pagas. O que significa un incremento mensual de 121,20 € e 1.696,80 € anuais.

Doutra banda, cando Silvia Freire tomou posesión do seu cargo de Concelleira de Servizos Sociais, en xuño de 2017, atopouse que das 1.794 horas/mes concedidas pola Xunta para o SAF só se estaban prestando 1.613 horas, é dicir, había 181 horas ao mes sen cubrir, por tanto, familias en lista de espera que non estaban a recibir a prestación que solicitaran.

Grazas aos cambios e outras melloras introducidas actualmente, a Concellería ten 2.296 horas/mes concedidas pola Xunta, das cales se están prestando 2.286 a 66 familias. Por tanto, só hai 10 horas sen prestar. En setembro de 2018, a Xunta como completaramos as 1.794 horas concedidas outorgounos 502 horas máis, o que nos permitiu prestar este servizo a máis familias deixando baleira a lista de espera.

O goberno nunca entendeu o conflito creado polas traballadoras do SAF, máis aló de intereses particulares ou sindicais. Nós sempre tivemos claro que a prioridade é dar o mellor servizo ás 66 familias que se benefician desta prestación. Antepoñer a comodidade das traballadoras á situación de vulnerabilidade e dependencia das familias sempre nos pareceu un exercicio de egoísmo, como finalmente confirmou a sentenza.

Sanxenxo é unha referencia en política social, investimos 84 € por veciño ao ano fronte aos 42 € de Vigo ou os 35 € de Pontevedra. E queremos seguir mellorando coa colaboración do excelente persoal que ten esta concellería, pero o goberno sempre que os intereses dos usuarios choquen cos intereses do persoal poñerase ao lado dos primeiros.

 

 

0
0
0
s2sdefault