Concello de Sanxenxo - A FEDERACIÓN POLA IGUALDADE DE PONTEVEDRA RECOÑECE A TRAXECTORIA DO CIM DE SANXENXO CO I PREMIO NÉLIDA PIÑÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Premios femuto CIMA Federación pola Igualdade de Pontevedra (Femupo) distinguirá co I Premio Nélida Piñón ao Centro de Información á Muller de Sanxenxo. “Cremos que merecen recibir este premio, nesta categoría, xa que fan unha labor incrible por axudar a todas aquelas mulleres xa non só de violencia de xénero senón calquera muller que estea en risco de exclusión social”, sinala a presidenta do colectivo, Raquel Touriño. O premio entregarase o 14 de marzo nun acto que terá lugar ás 19.30 horas no Mercado de Estribela na Avenida Marqués de Valterra, 101.

Nos últimos anos o Centro de Información á Muller experimentou un incremento tanto en atencións como en servizos e actividades en distintos ámbitos relacionados coa muller. O recoñecemento chega ás portas da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro domingo 8 de marzo, xornada na que o Concello de Sanxenxo ten programada a Ruta da Igualdade, unha homenaxe especial a todas aquelas mulleres que quixeron cambiar o ritmo da súa vida, a favor da igualdade e da xustiza social e a todas as persoas que a día de hoxe loitan por conseguir unha sociedade máis xusta. A andaina arrincará o vindeiro domingo 8 de marzo, ás 10:30 horas, desde A Peixeira de Portonovo, en Caneliñas, en dirección Sanxenxo para terminar no miradoiro de Palacios.

Durante o percorrido faranse diversas paradas, concretamente dez, e lerase un texto sobre mulleres relevantes da sociedade española.
As protagonistas serán Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Marcela Graza e Elisa Sánchez, Isabel Barreto, Olimpia Valencia, María Áurea Rodríguez, Elisa Patiño, Urania Mella e María Luz Morais. Unha vez finalizada a ruta, haberá un autobús de regreso que levará aos participantes ao momento de saída en Portonovo.
Ó longo de 2019, o CIM recibiu 85 consultas xurídicas por violencia de xénero e 177 sesións de atención psicolóxica sobre depresión, ansiedade e saúde mental e realizou un total de 30 actividades con distintos colectivos e centros educativos co obxectivo de chegar á maior poboación posible. O crecemento exponencial do CIM reflicte, en palabras do concelleiro de Igualdade, Daniel Arousa, “unha maior concienciación da poboación en xeral e á seguridade que teñen ás mulleres de saber a onde poden acudir e onde se lles vai a axudar”.

Entre as novidades realizadas durante o programa de 2019 destacan a campaña “Rompendo estereotipos” nas marquesiñas do municipio e coa que se visibilizou as mulleres en todo tipo de profesións, un taller formativo de crecemento persoal e a creación do primeiro consello de igualdade para coordinar e asegurar o desenvolvemento do Plan de Igualdade nos distintos departamentos. Ademais, durante o pasado ano Sanxenxo creou o primeiro consello de igualdade interdepartamental, para coordinar e asegurar o desenvolvemento do plan de igualdade dentro dos diferentes departamentos municipais.

0
0
0
s2sdefault