Concello de Sanxenxo - O GOBERNO AVANZA NA PREPARACIÓN DOS SERVIZOS PARALIZADOS POLA CRISE PARA CANDO SE RECUPERE A NORMALIDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local de Sanxenxo xa está a preparar o día despois, cando España volva recuperar a normalidade. No caso de Sanxenxo con máis razón, pois o verán convértese no período máis esixente pola cantidade de poboación que alcanza. “Ninguén está seguro de cando se levantarán as restricións, nin tampouco cal vai ser o comportamento dos españois, se van viaxar máis, igual ou menos. En calquera caso, a obrigación do goberno é prepararse e, se cabe, mellor mesmo que en veráns anteriores posto que o nivel de esixencia do visitante vai ser maior”, asegura o alcalde, Telmo Martín.

Algúns dos preparativos en marcha víronse interrompidos pola declaración do estado de alarma, por exemplo, a adxudicación do balizamento das praias que quedou suspendida a falta de 3 días para concluír o prazo de presentación de ofertas.

Polo momento, descoñécese se o Goberno de España pola situación extraordinaria autorizará fórmulas de contratación máis áxiles. Sexa como sexa, o goberno está a prepararse para que o primeiro día que se recupere a normalidade póñanse en marcha os traballos de equipamento e posta a piques das praias, os reforzos de servizos de limpeza e de seguridade cidadá.

No caso das praias, á parte do balizamento, está pendente a licitación da limpeza de baños, os quioscos de Silgar, Baltar e unhas tumbonas da Lanzada. Ademais, a montaxe de módulos, torretas, pasarelas, lavapés, o control sanitario dos areais, o programa das bandeiras azuis, a compra de 2 novos módulos e 2 torretas de vixilancia.

Trabállase tamén na mellora dos colectores de recollida de lixo. A idea é substituír os que agora hai nas vilas de Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e A Revolta por novos colectores de carga lateral. Tamén se quere instalar dúas novas illas de recollida e reciclaxe como as do porto deportivo.

No que se refire á seguridade cidadá hai que reforzar a Policía Local coa contratación de máis de 30 auxiliares. Aínda que o groso do reforzo incorpórase o 15 de xuño, este luns empezaron a prestar servizo 4 auxiliares e a curto prazo farano 3 máis. Tamén está prevista a substitución de maior parte do parque móbil da policía, é dicir ciclomotores e turismos.

Outro asunto que hai que axilizar cando volva a normalidade é a selección dos socorristas e sanitarios que este ano seguramente haberá que incrementar, dependendo do número de bandeiras azuis que obteña finalmente Sanxenxo.

Doutra banda, o goberno tamén está a traballar nos preparativos da programación cultural de verán, as festas de San Roque, San Ginés e Santa Rosalía. Por último, antes da paralización polo Covid 19 estaba a piques de publicarse o prego de condicións para a xestión da feira multisectorial de Portonovo que agora obrigará a traballar con maior dilixencia para poder chegar a tempo.

0
0
0
s2sdefault