Concello de Sanxenxo - O CONCELLO AVANZA NA MELLORA E RACIONALIZACIÓN DA RECOLLIDA DE LIXO EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local continúa co seu plan de mellora e racionalización da recollida de lixo. Ademais da substitución dos vellos colectores que aínda quedan nas vilas de Sanxenxo e Portonovo, agora dáse un paso máis ao recolocar e mellorar as illas de residuos da PO-308 entre A Granxa e A Lanzada.

Todas as illas estarán equipadas con colectores de carga lateral con capacidade de 3.000 litros e situaranse a unha distancia de separación de 190 metros nas zonas con máis poboación. De maneira que o usuario, no peor dos casos, non terá que desprazarse máis de 90 metros. Nas zonas con menos poboación a separación entre as illas será de 300 metros, cun desprazamento máximo de 150 metros.

Outro dos cambios é o traslado dos colectores das praias, na maioría dos casos situados en zonas de alta protección ambiental, á PO-308. Situarase unha illa de residuos á altura de cada praia na que os chiringuitos, establecementos e usuarios poderán depositar o seu lixo.

O goberno local destaca os importantes beneficios dos cambios tanto a nivel ambiental como de optimización de recursos. A concesionaria da recollida de lixo atopábase con importantes dificultades para acceder a algúns dos colectores como o caso das praias de Pragueira ou Bascuas debido á estreiteza dos viarios. O novo sistema na disposición das illas dos colectores reducirá tamén o ruído e as molestias que supón a descarga do lixo, reducirá a contaminación e optimizará o tempo de recollida.

Outra das medidas que o goberno local xa está a aplicar é a redución do número de papeleiras nas vilas de Sanxenxo e Portonovo. Unha formulación que cobra se cabe un maior sentido neste contexto de alerta sanitaria polo Covid 19 para mellorar a salubridade das rúas, eliminar obstáculos e dar unha maior prioridade aos peóns facilitando as distancias persoais. Neste caso, manteranse unha de cada tres papeleiras nos espazos que dispoñan deste servizo. O goberno local apela á "responsabilidade" e "conciencia ambiental" dos veciños e visitantes para que estas novas medidas teñan o resultado que se busca.

Comportamentos incívicos
O Concello de Sanxenxo incrementará o control e endurecerá as sancións a todos aqueles que deixen as bolsas de lixo fóra dos colectores. Tamén prestará especial atención aos abandonos de voluminosos na vía pública que se incrementou nas últimas semanas e para o que o goberno local pide a colaboración veciñal para axudar a identificar aos infractores. As sancións polo depósito deste tipo de aveños ou bolsas de lixo na rúa levan unha sanción mínima de 600 euros que se pode incrementar se o infractor é recorrente. O Concello de Sanxenxo dispón dun Punto Limpo en Padriñán e dun servizo de recollida de aveños ou voluminosos con atención de luns a venres, de 9 a 14 horas, no teléfono 638 240 885. Ambos os servizos son gratuítos. Con eles trátase de evitar os abandonos na vía pública cos consecuentes problemas de salubridade e de mala imaxe do municipio.

0
0
0
s2sdefault