Concello de Sanxenxo - O PASEO DE SILGAR ESTREARÁ ESTA FIN DE SEMANA UNHA PARTE DO PINTADO DE PREFERENCIA PEONIL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos realizaranse durante a noite para provocar as mínimas molestias posibles ao tráfico

O pintado de preferencia peonil previsto no Paseo de Silgar arrincará a última hora de hoxe na contorna de Punta Vicaño e o cruzamento coa Avenida Luís Rocafort. Os traballos realizaranse durante a noite, de 21 a 6 horas, para provocar as mínimas molestias posibles e con limitacións de tráfico sen que supoñan un corte total do paso de vehículos. A calzada vaise a pintar de vermello con círculos brancos, que servirán para orientar aos condutores e aos viandantes, e diferenciar con claridade como se ten que circular en ambos os casos.

O goberno local inicia o proxecto de prioridade peonil nos puntos máis sinxelos da actuación e continuará durante a noite do domingo ao luns co pintado da confluencia entre Paseo de Silgar con Rúa Madrid. Nesta fase, máis complexa a nivel de tráfico, tamén se inclúe o pintado do cruzamento de Vidal Rocha onde onte finalizou a construción da plataforma elevada. Para este tramo deseñarase un plan específico de tráfico para permitir o acceso ao parking.

Os traballos de pintado realizaranse en dúas fases con dobre capa, xa que é preciso que para que a impresión da pintura sexa óptima trascurra un período de secado de 24 horas. De forma simultánea tamén se porá en marcha a pintura dos pictogramas nas beirarrúas do Paseo de Silgar que sinalizarán a preferencia peonil pola dereita ao longo de todo o viario. Todas estas medidas irán acompañadas dunha limitación de velocidade ao tráfico de 20 quilómetros por hora.

Mellora na "tixola de Montalvo"
Os traballos de mellora no acceso principal da praia de Montalvo e a reordenación dos aparcadoiros e espazos arrincan hoxe. Trátase dunha obra moi necesaria xa que o asfalto atópase en moi mal estado debido á antigüidade do viario e a cantidade de vehículos que soporta durante os meses de verán.

A actuación contempla a recolocación das casetas de baños e surfeiros, e a liberación de aparcadoiros na plataforma máis próxima ao areal, restrinxindo o acceso a esta parte a vehículos de emerxencias e servizos, vehículos de persoas con mobilidade reducida, e furgonetas de escolas deportivas. Esta intervención enmárcase dentro da planificación que o goberno local ten prevista para a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria en todo o concello.

As obras expostas consisten en facer unha renovación da capa de rodaxe da calzada, e acondicionar e organizar os aparcadoiros, mediante a extensión dunha capa de zahorra compactada. O ancho completo da calzada será de cinco metros, e cada unha das bandas de aparcadoiro tamén terá un ancho de cinco metros. Finalmente executaranse as marcas viarias e pintado de símbolos, para mellorar a seguridade viaria da "tixola de Montalvo".

0
0
0
s2sdefault