Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL DE SANXENXO REFÓRZASE CON 40 NOVOS AUXILIARES E TRES AXENTES POR COMISIÓN DE SERVIZO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local prevé que nos próximos días póidanse incorporar os axentes procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública

Sanxenxo contará este verán co maior número de auxiliares de policía dos últimos anos. Corenta axentes procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública incorporaranse nos próximos días aos labores de vixilancia e control do municipio, sete auxiliares xa o fixeron antes, durante o mes de abril, coincidindo co estado de alarma. Este importante reforzo complétase con dous axentes e un oficial que chegaron ao corpo de policía en comisión de servizo por un ano e prorrogable por un máis.

O persoal da Policía Local está conformada por 23 axentes, once deles están, nestes momentos, de baixa, polo que este reforzo axudará a garantir o cumprimento das normas.

O goberno local prevé que se poidan incorporar nos próximos días os axentes procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública coincidindo coa tempada de maior afluencia turística e coa posta en marcha dos drones de vixilancia de praias e zonas de lecer nocturnas que serán controlados por policías. Con motivo do Covid 19, o esforzo policial para facer cumprir coas medidas de seguridade e distanciamento nas terrazas e o control de aforamento nos establecementos, así como o uso de máscaras, ten que ser aínda maior.

A Plataforma Xespol e un escáner
Co obxectivo de modernizar os sistemas de xestión da Policía Local, o Concello dotou ao corpo dunha nova ferramenta informática, Xespol, que permitirá mellorar e facilitar o traballo diario policial. Entre as distintas aplicacións deste software atópase a posibilidade da creación dunha base de datos con informes, partes diarios e ateigados de tráfico, accidentes ou controis de drogas e alcol. Tamén permitirá a identificación de animais de compañía en caso de perda ou incidente ou unha base de datos de obxectos perdidos. A plataforma Xespol foi recoñecida recentemente pola "Unión Galega de Policías Locais" como unha das mellores ferramentas de referencia no ámbito policial.

Outra das novidades que presenta a versión que se está instalando na Policía Local de Sanxenxo é a posibilidade de tramitar todo o traballo en galego xa que o sistema está desenvolvido de forma bilingüe. A modernización tamén suporá un aforro importante en papel e consumibles xa que case o 80% da documentación e informes que se realicen será en formato dixital.

O Concello dotará tamén cun escáner á Policía Local que lle permitirá identificar as matrículas e realizar unha profunda auditoría dun vehículo. O software que está conectado coa DXT estará instalado en dous teléfonos móbiles da Policía. Esta aplicación supuxo un investimento de 5.500 euros.

0
0
0
s2sdefault