Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SACA A LICITACIÓN A HUMANIZACIÓN DO VIARIO DE ACCESO Á CAPELA DE O SANTO EN NANTES POR 216.272 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos que se estenderán case un quilómetro e medio financiaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Concello de Sanxenxo acaba de sacar a licitación a humanización do viario de acceso á capela de O Santo en Nantes por 216.272 euros. O obxectivo dos traballos é facer compatible a circulación de vehículos lixeiros coa circulación segura de peóns, proxectando unha calzada en plataforma única de uso mixto, respectando unha contorna con alto valor patrimonial no que existe un cruceiro e unha capela.

Actualmente, existe un viario asfaltado moi estreito con beirarrúas tamén moi estreitas, realizadas en baldosa hidráulica e con importantes deficiencias. A actuación, prevista en 140 metros, comprende melloras de saneamento coa dotación dunha nova rede de recollida de pluviais e un novo colector que será instalado polo centro do mesmo. En canto á iluminación pública, o proxecto inclúe a instalación dunha nova canalización eléctrica e a renovación dos farois, con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética.

Respecto ao mobiliario urbano, está prevista a instalación de bancos e papeleiras, do mesmo xeito que unha pantalla para reducir o impacto visual dos colectores de lixo. A pavimentación realizarase con lousas de granito, establecendo zonas seguras para os peóns e o pavimento de pedra da zona perimetral da capela limparase de forma manual.

Os traballos financiaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e teñen un prazo de execución de tres meses.

0
0
0
s2sdefault