Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DOTA A PRAZA DE ABASTOS DE PORTONOVO DE BAÑOS ACCESIBLES E SOLUCIONA AS HUMIDADES DO EDIFICIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos que incluíron tamén o revestimento das bancadas de venda e a limpeza da fachada concluíron esta mesma semana

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, supervisaron o resultado da mellora levada a cabo na praza de abastos de Portonovo. A obra conta cun investimento de 41.245 euros e finánciase a través de fondos municipais, do Feader, de Agader e do MAPA. Os traballos centráronse na dotación duns aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida, o revestimento das bancadas centrais, o selado da estrutura do edificio para evitar humidades e a limpeza da fachada.

"Son unhas obras moi demandadas tanto polos traballadores como polos veciños que veñen a mercar á praza de Portonovo. Facemos todos os anos investimento neste espazo que presta un gran servizo non só ao municipio senón a toda a comarca e no que seguiremos facendo melloras, pero tamén na contorna na que se atopa e que é privilexiada", explicou o alcalde, Telmo Martín.

Martín sinalou que o obxectivo do goberno local é humanizar a contorna da praza nun proxecto que continúe a senda da PO-308 desde a rotonda de Canelas até a da entrada de Portonovo. Unha obra que expuxo á delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, durante a súa última visita a Sanxenxo. "É preciso actuar no corazón comercial de Portonovo como xa se fixo na Rúa Progreso e humanizar toda a contorna. Esta sería unha primeira fase, pero a máis urxente, e logo acometeríase a segunda ata a rotonda de Arnelas", explicou.

O alcalde lembrou tamén outras actuacións que prevé que se poidan executar en breve na vila mariñeira como é a mellora de seguridade viaria na estrada de Portonovo - A Vichona, que se realizará en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Outro gran proxecto pendente é a humanización da contorna do colexio de Portonovo, o mercado e o parque do Espiñeiro. Unha obra valorada en 830.000 euros que consiste na humanización da zona máis concorrida da vila e na que se concentra boa parte da actividade comercial. O proxecto contempla a mellora e ampliación das beirarrúas, así como a reordenación do aparcadoiro do mercado. Este último proxecto está suxeito a unha subvención da Deputación de Pontevedra, en principio denegada, pero recorrida ante a xustiza que fallou a favor do Concello, e que podería ascender a 500.000 euros.

image002

0
0
0
s2sdefault