Concello de Sanxenxo - O SERVIZO DE SOCORRISMO DE SANXENXO CONTABILIZOU UN TOTAL DE 5.402 INTERVENCIÓNS EN 68 DÍAS DESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
A atención prolongouse ata o día 13 en todos os areais e en Areas, Montalvo, Silgar e Canelas seguirá ata o 19
 
O servizo de socorrismo realizou un total de 5.402 intervencións desde o 26 de xuño ata o 31 de agosto nos 17 areais con bandeira azul do municipio. As feridas dos bañistas concentraron o maior número de atencións, 890, seguidas das picaduras de fanecas, 840, e de insectos, 194. 
 
As actuacións de prevención concentraron tamén gran parte dos esforzos dos socorristas e sanitarios nas praias. Así se deron 939 avisos a bañistas por comportamentos que levaban un risco para a súa saúde, 1.118 avisos por incumprir o bando e 527, por imprudencias na navegación.
 
En canto aos areais, Montalvo foi a praia que rexistrou un maior número de intervencións de socorristas, 951, seguida de Silgar (811), Canelas (513) e Areas (422). As picaduras de fanecas son nestas catro a atención máis repetida con 148 casos, 133, 135 e 66, respectivamente. 
 
Durante estes 68 días realizáronse tamén 2 simulacros, atendéronse a 20 menores perdidos e a 4 adultos desorientados que necesitaron axuda para dar coa súa familia. Tamén se realizaron intervencións maiores que non requiriron traslado en ambulancias: 15 desmaios, 8 escordaduras ou luxacións, 7 feridas e 9 traumatismos.
 
En canto aos códigos vermellos, referentes a rescates marítimos, destacar o remolque de 8 pedaletas, 5 padelsurf, 3 embarcacións, 5 evacuacións e unha colaboración con Salvamento Marítimo.
 
O servizo prolongouse este verán en todas as praias con bandeira azul ata este luns 13 de setembro e continuará, de forma excepcional, ata o 19, nas praias de Areas, Montalvo, Silgar e Canelas.
 
0
0
0
s2sdefault