Concello de Sanxenxo - O CÉSPEDE DO REVEL RETIRADO DO CAMPO REEMPREGARASE NOS PATIOS DOS CENTROS EDUCATIVOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A instalación do novo terreo de xogo concluíu a semana pasada, pero é preciso esperar dúas semanas para a homologación da FIFA
 
Máis de 4.000 metros cadrados de tiras de céspede retiradas do campo de fútbol de O Revel serán reempregadas nos patios dos centros educativos do municipio. O material xa foi repartido polo departamento de Obras e Servizos polos colexios da Florida, Magaláns, Portonovo, O Telleiro, Nantes, a escola infantil de O Revel e a escola unitaria de Aios.
 
Nos próximos días comezará a instalación nas zonas que así decida a dirección do centro co obxectivo de facer máis confortables os espazos exteriores. Nalgúns casos, precisarase a realización duns traballos previos dos terreos para que o céspede se instale uniformemente e, posteriormente, fixarase ao chan. Diso encargaranse os operarios municipais de Obras.
 
A empresa Fieldturf Poligras, encargada da instalación dos campos do Paris Saint-Germain Football Club ou da Cidade Deportiva do Fútbol Club Barcelona, concluíu a semana pasada a colocación da nova superficie no Revel. Agora será preciso que se utilice durante dúas semanas para adestramentos para que se asente e logo practicaránselle as probas para lograr a homologación da FIFA. O do Revel será o primeiro campo en contar con esta verificación.
 
Antes da inauguración oficial do terreo de xogo, o Concello completará a remodelación do espazo co pintado do valado perimetral do campo e das bancadas con operarios municipais. Ademais, realizarase unha profunda limpeza do espazo exterior e dos vestiarios. Tamén se substituirán as redes das portarías.
 
0
0
0
s2sdefault