Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REACTIVA A VIXENCIA DA ORDENANZA DE TERRAZAS TRAS MESES EN “STAND BY” POLA PANDEMIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 82 establecementos hostaleiros iniciaron a tramitación para dar cumprimento ao regulamento
 
O Concello de Sanxenxo reactivará ao longo deste mes a vixencia da ordenanza das terrazas de hostalería que se deixou en “stand by” pola situación sanitaria. A normativa que xa se debería estar a aplicar na súa totalidade desde o pasado 30 de xuño será de obrigado cumprimento este ano e así será comunicado aos hostaleiros nun novo requirimento municipal no que se lembrará a entrada en vigor da mesma. O obxectivo é que a normativa se atope funcionando a pleno rendemento o próximo verán para favorecer a convivencia entre a actividade económica das terrazas e o uso público da vía.
Un total de 82 establecementos iniciaron a tramitación da renovación da súa terraza dun total de 228 locais hostaleiros que existen en Sanxenxo con este tipo de espazos exteriores. Os hostaleiros deberán achegar coa renovación da instalación un plano no que se acoute a medida concreta da estrutura, o número de cadeiras e as mesas que se prevén colocar, así como as estruturas anexas como paravientos ou toldos. En canto aos horarios dos establecementos, a norma explicita que a apertura se poderá realizar a partir das oito da mañá. O peche dos locais hostaleiros terá dous períodos ben definidos ao longo do ano.
Desde os meses de novembro a maio os establecementos terán que botar o peche ás dúas da madrugada, mentres que a hora de baixada das reixas terá que levar a cabo de xuño a outubro ao chegar as dúas e media da madrugada. A nova normativa delimita zonas de especial interese debido á gran afluencia das mesmas como son Augusto González Bicada (Sanxenxo), Aviador Piñeiro, Praza de Portugal, paseo de Silgar, rúa Méndez Núñez, Praza Rúa Méndez Núñez con Rúa Mariña, e os parques da Panadeira, O Espiñeiro e San Roque. Así mesmo, recoñécese unha especial relevancia á ocupación con terrazas do Paseo dos Barcos, en Sanxenxo, e da rúa Rafael Picó, en Portonovo, que deberán presentar un proxecto conxunto de toda a rúa, previa autorización do Concello. Terase que ter en conta que a cuberta deberá ser de toldo ou cuberta extensible ancorada ao chan de cor branca ou branco roto. O frontal deberá ser de cristal. Se existe continuidade de terrazas cubertas, non se permitirán laterais, excepto en extremos ou finais de terrazas. No caso de que sexan descontinuas, por accesos ou rúas, entón permitirase o peche lateral.
0
0
0
s2sdefault