Concello de Sanxenxo - SANXENXO LEVA A PLENO O ÚLTIMO TRÁMITE PARA LICITAR O SERVIZO DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO DE AUGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno prevé aprobar o expediente de contratación este xoves en sesión extraordinaria e sacar a contratación o servizo ao día seguinte

Sanxenxo comeza a conta atrás para unha mellora sen precedentes da súa rede de abastecemento e saneamento no rural. O goberno levará a Pleno extraordinario, o vindeiro xoves 30 de xuño, o último trámite para poder sacar a licitación o servizo: A aprobación do expediente de contratación e os pregos. Unha vez superado este trámite e seguindo os prazos marcados por lei, o 1 de xullo, xusto ao día seguinte, sairá a contratación.

Sanxenxo ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga. A concesión deste servizo levará parella a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros. As empresas interesadas terán 30 días para presentar as súas ofertas.

As obras previstas proxéctanse en tres fases. A primeira inclúe a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira con novas infraestruturas de abastecemento de auga con 7 actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.

Tamén está incluído un calendario de actuacións onde aparece establecido que a empresa concesionaria terá que completar as 3 fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión.

A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos seis primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano. As obras que se executarán neste primeiro semestre serán prioritarias nas vivendas da zona e as principais antes que as segundas residencias.

Finalmente, os lugares nos que actuarán nos primeiros seis meses será en Noalla (Tombelo, Pontes, Quintáns, Aios costeira), Vilalonga (Iglesario, Altamira e Iglesario Lomba), Adina (Poleiros, Rial e Punta Montalvo), Dorrón (Barreiro, Rexenxo e praia de Agra), Nantes (Cancela Pedroño, Pazos e Casal), Bordóns (Chandevila e Sear) e Padriñan (Palacios e Laxe).

Estas actuacións, xunto ás previstas no convenio con Acuaes, mellorarán a depuradora e os bombeos de augas residuais, e converterán a Sanxenxo nun referente no tratamento e depuración das súas augas.

0
0
0
s2sdefault