Concello de Sanxenxo - O TALLER DA MEMORIA DE SANXENXO CELEBRA MAÑÁ EN NANTES O TRADICIONAL CAMPIONATO DE BILLARDA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 40 participantes compartirán unha xornada de xogo na que haberá premios e magosto

Un total de 40 alumnos e alumnas do Taller de Memoria de Sanxenxo participarán mañá no 8º Campionato de Billarda organizado polo programa municipal xunto coa asociación Ecobateas en Nantes. Os xogadores rememorarán este xogo tradicional e gozarán dunha xornada de convivencia que dará comezo ás 16 horas. Ao termo desta actividade, e como xa é tradición, os maiores desfrutarán dun magosto.

Os 40 participantes dividiranse en tres grupos, do que se premiará ao mellor equipo e ao mellor xogador individual. Tamén se repartirán agasallos por participación. A profesora do Taller de Memoria, María José Pérez Cacabelos, destaca "os beneficios dunha actividade como esta na que ademais da interacción persoal rememórase a súa mocidade a través dun xogo".

Sanxenxo foi un dos municipios pioneiros en prestar este servizo de forma permanente durante todo un curso escolar. Un contacto que segue mesmo no verán con actividades como rutas de sendeirismo ou xornadas de convivencia. Durante a pandemia, non se perdeu o contacto cos alumnos, a profesora levou a cada grupo fichas para que puidesen exercitar a memoria na casa. "A Covid provocou un importantísimo atraso na aprendizaxe e a nivel mental. Ademais de exercitar a memoria, é moi importante a socialización e a saída da casa", indica Pérez Cacabelos.

Nestes momentos, no Taller de Memoria participan 150 persoas divididas en 8 grupos por parroquias (Bordóns, Dorrón, Nantes, Sanxenxo, Vilalonga, Noalla, Sanxenxo e 2 en Adina).

0
0
0
s2sdefault