Concello de Sanxenxo - SANXENXO É O DESTINO TURÍSTICO DE ESPAÑA QUE MÁIS Q DE CALIDADE SUMA ENTRE O SECTOR PÚBLICO E PRIVADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) acaba de conceder ao municipio catro novas insignias para as súas praias

Sanxenxo xa é o destino líder en España en Q de Calidade. A aposta pola calidade tanto desde o sector público como privado levou ao municipio a contar na actualidade con 59 insignias. O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), entidade certificadora deste selo, acaba de comunicar ao Concello a nova entrada de catro das súas praias: Area de Agra, Paxariñas, Bascuas e O Espiñeiro. Este recoñecemento supervisa aspectos como as condicións hixiénicas das praias e as súas instalacións, o control dos chiringuitos, a accesibilidade, os servizos de seguridade e primeiros auxilios, a oferta de lecer e a información facilitada aos turistas, entre moitos outros. O seguinte municipio español con máis Q de Calidade é Marbella, con 43.

En total Sanxenxo conta con 16 praias, o porto deportivo Juan Carlos I, a oficina de Turismo e 41 empresas privadas certificados co selo Q de Calidade que contribúe á mellora continua dos servizos e axuda a diferenciarse dentro do sector turístico. Sanxenxo foi o primeiro municipio en contar con este distintivo recoñecido internacionalmente nunha oficina de Turismo municipal e a aposta decidida por este selo fixo que se pasase de 36 en 2017 a 59 en 2022.

Sanxenxo tamén é líder en España en bandeiras azuis cun total de 17 en praias e 4 insignias máis no Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Portonovo, o porto deportivo municipal Juan Carlos I e o centro azul da Telleira. Ademais, o municipio sumou este ano un novo sendeiro azul, o de Aldariz, converténdose no municipio español con máis sendeiros azuis en España, con máis de 24 quilómetros e 7 rutas.

0
0
0
s2sdefault