Concello de Sanxenxo - O BINGO SOLIDARIO RECADA 1.500 EUROS PARA CINCO ASOCIACIÓNS BENÉFICAS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concelleira de Cultura, Paz Lago, entregou esta mañá o diñeiro recadado ás asociacións benéficas de Sanxenxo que participaron no Bingo Solidario. A iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración coa Asociación Peludos Invisibles, Cáritas, Banco de Alimentos Rías Baixas, Asociación Neen@s e Asociación contra o Cancro conseguiu 1.500 euros, entre as achegas realizadas a cada colectivo e os boletos vendidos para participar no bingo.

Lago expúxolles aos colectivos que asistiron á entrega do cheque que a intención é continuar con esta proposta nos próximos anos como unha forma de visibilizar o traballo destas asociacións e facilitar a colaboración con elas dunha forma lúdica. "Estas iniciativas permiten amosar o lado solidario de Sanxenxo nestas datas do Nadal e achegar o importante traballo que realizan estas cinco asociacións", explicou a concelleira de Cultura.

Os colectivos valoraron moi positivamente a actividade e propuxeron ampliar a xornada de bingo a unha sesión de tarde. Á entrega non puido asistir a Asociación Española Contra o Cancro que recollerá o cheque noutra ocasión.

Non é a única iniciativa solidaria que estas festas do Nadal levará a cabo en Sanxenxo. O próximo 17 de decembro, ás 18 horas, celebrarase un Festival Solidario de Panxoliñas no Auditorio de Emilia Pardo Bazán a favor da Asociación Neen@s. Por segundo, ano consecutivo a praia de Silgar acollerá o próximo día 31 o "Chapuzón por unha Ilusión" organizada pola Fundación Aladina en colaboración co Concello. O diñeiro recadado destinarase á investigación do cancro infantil. Xa o 6 de xaneiro, a Banda de Música de Sanxenxo ofrecerá o tradicional Concerto de Reis no Pazo de Emilia Pardo Bazán, ás 19:30 horas, no que se recollerán alimentos para o Banco de Alimentos Rías Baixas.

0
0
0
s2sdefault