Concello de Sanxenxo - SANXENXO VOLVERÁ LEVAR A PLENO EXTRAORDINARIO O NOVO PREGO DA RECOLLIDA DO LIXO, LIMPEZA VIARIA E PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno deixa fóra do novo contrato a recollida, transporte e tratamento do téxtil, así como os voluminosos.

Sanxenxo, 24 de febreiro de 2025.- O goberno de Sanxenxo levará a Pleno Extraordinario, que se celebrará o vindeiro venres ás 8:30 horas, o novo prego da recollida do lixo, limpeza viaria e praias por 4,4 millóns ao ano. Dúas alegacións presentadas ante o TACGal por Arroupa e Cegasal obrigaron a repetir o proceso retirando do contrato a recollida, transporte e tratamento do téxtil, así como os voluminosos. A cifra de licitación é lixeiramente superior á primeira debido á actualización de prezos, así como a novas actuacións que entran no contrato, como a poda de Punta Vicaño ou a compra de novos composteiros comunitarios e bases para contedores no rural.

O prego supón un cambio profundo respecto ao servizo actual, cuxa concesión xa finalizou pero dispón dunha prórroga ata a nova adxudicación. Entre as novidades destacan a ampliación da cobertura dos servizos de limpeza en todo o termo municipal, o desbroce das pistas do rural e o reforzo do servizo nos meses de ocupación media como abril, maio e outubro. Ademais, está prevista a compra de novos vehículos e maquinaria.

O prego contempla moitas máis novidades, a continuación, cítanse algunhas:

Recollida de lixo:

  • Substitución dos contedores de todo o termo municipal dotados con sensores de nivel de enchido.
  • Implantación da recollida de residuos orgánicos, contedor marrón, en todo o termo municipal.
  • Recollida do contedor marrón e gris os sete días da semana na tempada alta e media e seis días na tempada baixa.
  • Recollida porta a porta para o canal Horeca e hostalaría (hoteis, pensións, cámpings) diaria.

Limpeza viaria:

  • Subministración, mantemento e recollida de papeleiras.
  • Limpeza de beirarrúas, calzadas, espazos públicos e zonas peonís.
  • Limpeza de manchas de aceites, graxas, ceras, chiclets, etc.
  • Limpeza de mercados e mercadiños.
  • Limpeza de actos festivos e eventos, antes e despois da súa celebración.
  • Eliminación de malas herbas en bordos e beirarrúas, escaleiras, etc.
  • Varrido manual e mecánico de beirarrúas e calzadas.

Limpeza de praias:

  • Limpeza manual, mecánica, despedregado de area e retirada de residuos.
  • Arado en profundidade para oxixenación da area.
  • Limpeza de pasarelas de madeira, accesos de escaleiras e lava-pés.
  • Recollida de lixo en contedores.
  • Limpeza manual de algas e mecánica cando se produzan grandes acumulacións e retirada a instalación de tratamento e/ou eliminación autorizada.
  • Limpeza de WC.

Vehículos e materiais:

  • Os vehículos necesarios para o servizo poderán incorporar o sistema "mellorado" dual diésel-gas, etiquetado como ECO pola DGT.
  • Sanxenxo conta con 651 illas de residuos e máis de 2.000 contedores que a adxudicataria terá que renovar por novos provistos de sensor de nivel de enchido.
  • Instalación das papeleiras necesarias e o seu mantemento.
0
0
0
s2sdefault