Concello de Sanxenxo - A ARTISTA LOCAL MANUELA MARTÍNEZ EXPÓN A SÚA COLECCIÓN “EXPRESIÓNS HUMANAS” NO VESTÍBULO DO AUDITORIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 10 de marzo de 2025.- A artista local Manuela Martínez expón durante o mes de marzo a súa colección “Expresións humanas” no vestíbulo do Auditorio. Vencellada desde sempre ao traballo creativo e alumna do Centro de Arte de Sanxenxo desde hai doce anos, coincidindo coa súa xubilación, Martínez mostra máis de trinta retratos a pastel. “Para min a pintura é unha vía de escape e vir ao Centro de Arte permitiume coñecer xente e seguir creando”, asegura. A técnica do pastel permítelle traballar na casa porque non é necesario empregar disolvente. “En tres ou catro días con un par de horas diarias fago un retrato. Teño unha chea…”, explica.

O tenista Rafa Nadal foi a súa fonte de inspiración á hora de iniciar a colección de retratos de expresións humanas. “Gústame moito como deportista e é tan expresivo coa cara, fai tantos xestos, que me dá moito xogo á hora de pintar”, sinala. De feito, na exposición hai varios cadros dedicados ao deportista mallorquino. Pero tamén hai retratos histriónicos de personaxes variados, algúns perfectamente identificables, como Albert Einstein ou o personaxe Mr. Bean, outros non. A expresividade, execución e colorido dos cadros caracterizan a mostra.

A colección poderá visitarse ao longo do mes de marzo no vestíbulo do Auditorio Emilia Pardo Bazán durante o horario de apertura das instalacións.

0
0
0
s2sdefault