Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACTIVARÁ UN REXISTRO PARA COÑECER A DEMANDA DE VIVENDA PÚBLICA NO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello dispón de parcelas en ata seis solos para construír máis de 150 vivendas públicas.

Sanxenxo, 14 de marzo de 2025.- O Concello vai crear un rexistro de solicitantes de vivenda pública propio en Sanxenxo, o que permitirá realizar unha planificación realista da demanda a curto e medio prazo. O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Planificación Territorial e Vivenda, María Deza, anunciou esta mañá a apertura dun censo para “saber cantos veciños e familias están interesados no acceso a unha vivenda pública tanto de alugueiro como de compra”.

O prazo abrirase desde este luns, 17 de marzo, ata o 30 de abril, a través dunha instancia específica dispoñible na web municipal e na sede electrónica do Concello de Sanxenxo. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, o Concello analizará o tipo de demanda de vivenda que existe no municipio. “No rexistro da Xunta hai anotadas 33 persoas, pero nós cremos que poden ser moitas máis as persoas que precisan vivenda”, asegurou Martín.

O PXOM que Sanxenxo aprobou en 2003 obriga a ceder ao Concello o 10% da edificabilidade dos solos a desenvolver (SU, PEI e PERI). Uns dereitos de edificabilidade que permiten dispoñer de parcelas en ata seis solos que, unidas ás adquiridas polo Concello, como o PEI17, permitirán construír máis de 150 vivendas públicas. O Concello explorará as distintas posibilidades para executalas, xa que ben poderían ser cedidas á Xunta ou promovidas polo propio Concello para o seu desenvolvemento, pero sempre seguindo os requisitos que marca a vivenda pública en Galicia.

“Queremos facer vivenda pública seguindo os criterios do Instituto Galego de Vivenda, pero para iso precisamos un rexistro que nos debuxe un mapa das necesidades de vivenda que hai en Sanxenxo e axilizar as xestións”, asegurou Martín.

0
0
0
s2sdefault