Sanxenxo, 20 de marzo de 2025.- A artista plástica bilbaína, Carmen Isasi, gañou o primeiro premio do Concurso de Videoarte Mariño en Sanxenxo: Ondas de Galicia, convocado por Aedas Homes en colaboración co Concello de Sanxenxo, coa súa proposta Mar de Ecos. A través dunha narrativa visual poética e fragmentaria, a peza estrutúrase a partir de texturas visuais e sonoras que evocan a esencia da auga: reflexos oscilantes, ondas en expansión e o murmurio constante da corrente. A montaxe xoga con superposicións, ralentizacións e cambios de escala, xerando un diálogo entre o macro e o micro, entre o tanxible e o efémero. A proposta gañadora está dotada con 5.000 euros.
O segundo premio, valorado en 3.000 euros, foi para Non podo ser Océano / agardo escoitando as ondas, de Breogán Xague, artista vigués, músico e poeta. No vídeo apréciase a tensión dun movemento que non se ve desde terra, o dunhas imaxes que se empregan como referencias visuais para medilo, en contraposición cun son que sobe e baixa como se fose unha onda do mar.
Desde Aedas Homes, promotora do certame, destácase que o concurso logrou o gran obxectivo de poñer en valor a riqueza e fauna mariña das augas galegas. “Como reflicte a obra gañadora, Mar de Ecos, de Carmen Isasi Martínez, falamos dun proxecto que explora a natureza da auga en Galicia, un territorio onde a auga non só configura a paisaxe, senón tamén a identidade e a memoria colectiva”, asegura José María G. Romojaro, Director de Arquitectura de Aedas Homes e responsable do proxecto ConLasArtes by Aedas Homes, quen subliña que Aedas Homes, con este concurso, potencia a súa labor social impulsando iniciativas que poñen en valor cada territorio, as súas tradicións e as súas xentes.
Para a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, as seis propostas presentadas son de “gran calidade artística e mostran unha especial sensibilidade co medio mariño e a paisaxe”. Torres felicita aos gañadores “polo seu gran traballo” e agradece a Aedas Homes a súa aposta por este concurso en Sanxenxo.
Ligazóns aos vídeos premiados:
Mar de ecos: https://vimeo.com/1056576079?share=copy#t=0
Non podo ser océano/agardo escoitando as ondas: https://youtu.be/GuwE4gSoVpw