O custo da actuación ascende a 149.318 euros e será financiado nun 95% pola Xunta de Galicia a través de fondos europeos
Sanxenxo, 21 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo licitou hai uns días a reforma integral e mellora enerxética na Casa de Cultura de Nantes. O custo da actuación ascende a 149.318 euros e será financiado nun 95% pola Xunta de Galicia a través de fondos europeos. O prazo de execución das obras é de catro meses.
A Casa de Cultura de Nantes organízase en dúas plantas sobre rasante cunha superficie de 183 metros cadrados e unha cuberta de tella. A estrutura está composta por piares de formigón armado e forxados unidireccionais. As carpintarías actuais son metálicas con vidros simples e persianas. A calefacción realízase mediante radiadores eléctricos.
O obxectivo das actuacións é mellorar o illamento do edificio e o comportamento enerxético das instalacións. Para iso, prantexase a execución dunha nova cuberta formada por paneis tipo sándwich. Os parámetros básicos que se tiveron en conta á hora da elección do sistema de cuberta foron a zona climática, o grao de impermeabilidade e a recollida de augas pluviais. No interior instalarase unha bomba de calor aerotérmica.
Para a fachada proponse un revestimento para o seu illamento térmico. Instalarase no encontro co chan unha beirarrúa mediante soleira vista de formigón e un zócolo de pedra na parte inferior da fachada para a súa protección.
En canto á carpintaría exterior, o espazo estará aberto visualmente ao recinto no que se atopa, polo que se propón unha repetición modular de carpintarías metálicas de aluminio con vidros baixo emisivos e control solar. Instalaranse persianas para o control solar. Tamén se renovará o sistema de luminarias de baixo consumo tipo LED e substituiranse as luminarias de emerxencia.