Sanxenxo, 1 de abril de 2025.- O Concello de Sanxenxo vén de sacar a licitación o cambio de céspede artificial e o sistema de rega dos campos de fútbol de Noalla e Baltar de Arriba por 678.737 euros. A contratación realizarase a través da modalidade de renting e con fondos municipais. O prazo de colocación estímase en 12 semanas.
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, visitaron este mediodía o campo de Noalla, onde remataron as actuacións para a renovación da iluminación por unha de maior calidade e eficiencia enerxética, así como a ampliación das bancadas cun investimento que superou os 107.000 euros. A mellora contou cunha subvención do plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.
En canto ao novo contrato, o paquete de céspede artificial será de última xeración para a práctica do fútbol 11 e fútbol 7. Deberá cubrir unha superficie total de 103,25m x 62,50m (6.453,12 m²) no campo de fútbol de Noalla e unha superficie total de 101m x 62m (6.262 m²) no de Baltar. O céspede deberá ter pasado un ensaio nun laboratorio homologado conforme aos criterios establecidos nas normas UNE 15330 e cumprir cos estándares FIFA Quality Pro for Football Turf.
No que respecta ao sistema de rega, está prevista a colocación de 12 canóns de impacto emerxente de primeiras marcas cun sistema de rotación de 360º. O contrato tamén contempla actuacións complementarias no campo de Noalla, como a substitución da varanda e melloras no peche perimetral.
Para poder levar a cabo a colocación dos materiais a subministrar, o adxudicatario deberá realizar, con carácter previo, o desmontaxe, retirada e almacenamento nas zonas anexas ao terreo de xogo do equipamento deportivo (porterías de fútbol 11 e fútbol 7, varandas de protección, canaletas de recollida de pluviais, bandeiríns de córner, etc.) e sistema de rego (canóns de rego, electroválvulas, etc.) existentes.