O novo emprazamento foi acordado co seu escultor Carlos Salas
Sanxenxo, 2 de abril de 2025.- Operarios municipais trasladaron esta mañá a escultura en bronce de Aviador Piñeiro, situada na Praza de Portugal, ao Paseo de Silgar. O cambio de localización foi acordado co seu escultor, Carlos Salas, co obxectivo de establecer unha conexión entre a figura realizada en pedra por Alfonso Vilar, tamén en recordo do Aviador Piñeiro, e a praia de Silgar, onde tantas veces aterrou.
José Piñeiro González naceu en Ferrol en 1878, pero viviu en Sanxenxo. Nas festas da Peregrina de 1911 viu por primeira vez o voo dunha aeronave. As acrobacias sorprendérono tanto que non dubidou en vender os seus negocios e marchar á localidade francesa de Pau para aprender a pilotar.
Chegáronlle 18 días para asombrar ao director e regresar a Sanxenxo. A súa chegada foi apoteósica e, tras saltar a nova á prensa galega, Sanxenxo converteuse no centro de atracción dos curiosos polos seus voos sobre a praia de Baltar.
Fixo famoso internacionalmente o “voo da gaivota”, que consistía en tocar coa punta das ás a superficie do mar. A súa última exhibición foi en 1921 en Ribadavia, durante a cal sufriu un accidente. A súa familia conseguiu convencelo para que deixase de pilotar e, posteriormente, foi elixido alcalde de Sanxenxo. Poucos anos despois, por mor dos estudos do seu fillo, trasladouse a Santiago, onde faleceu en 1927.