A sesión aprobou a licenza para 157 vivendas en Mourelos (Noalla) e para unha nave con uso de almacén no parque empresarial
Sanxenxo, 7 de abril de 2025.– A Comisión de Urbanismo deu esta mañá luz verde á construción da primeira estación de carga eléctrica no parque empresarial de Nantes. O proxecto impulsado por Instavolt ten como finalidade a implantación dunha electrolinera sustentable en Sanxenxo, creada co obxectivo de servir como punto de recarga para vehículos eléctricos cun total de oito puntos. A parcela onde se levará a cabo a obra ten unha superficie de 225 metros cadrados, dentro da área comercial na que xa están implantadas firmas como Kiwoko, Jysk ou Action, e proximamente Aldi.
Durante a sesión aprobouse a licenza para construír cento cincuenta e sete vivendas en dezasete bloques con aparcadoiros, rochos, zonas comunitarias, comercial e piscina en Mourelos, no sector SU12 Noalla. A organización do complexo divídese en 5 fileiras horizontais (A, B, C, D e E) de oeste a leste, cada unha das cales conta cun acceso rodado á parcela na súa cota inferior e un acceso peonil na súa cota superior.
Tamén se deu luz verde á licenza para construír unha nave de planta baixa para almacén con actividade comercial cunha superficie de 504 metros cadrados.
Os tres asuntos foron aprobados na Comisión de Urbanismo, presidida polo alcalde, Telmo Martín, e coa asistencia da concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, así como dos voceiros do PSOE, Fernando Otero, e do BNG, Francisco Leiro.