Sanxenxo, 7 de maio de 2025.- Sanxenxo revalida un ano máis o seu liderado español con 17 areais con bandeira azul. A Adeac confirmou esta mesma mañá que o distintivo de calidade ondeará nas praias de A Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro-A Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar. Súmanse a este galardón os portos deportivos Juan Carlos I, o Club Náutico de Portonovo e o Real Club Náutico de Sanxenxo, así como o Centro de Interpretación de As Telleiras.
O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, asegurou que "estas 17 bandeiras azuis son o resultado do esforzo e o traballo por seguir sendo un destino turístico de referencia e de calidade. Bandeira Azul xa é un emblema que se asocia a Sanxenxo". O investimento que se realiza cada verán nos areais do municipio ascende a máis de dous millóns de euros. Ademais dos servizos, este distintivo certifica a calidade excelente da auga, "unha garantía para os bañistas".
A praia de Pampaído é o seguinte obxectivo que persegue o goberno para seguir aumentando as súas praias con bandeira azul despois de catro anos consecutivos con calidade de auga excelente, requisito para optar a este distintivo, así como o resto de servizos que este galardón leva aparellados.
"Non nos conformamos con manternos, queremos seguir ampliando esta rede de bandeiras azuis. Esperamos que en 2026 podamos contar tamén coa praia Pampaído na listaxe. Tamén quero destacar o esforzo do porto e clubs de Sanxenxo e Portonovo que volven ter tamén bandeiras", asegura.