Sanxenxo, 21 de maio de 2025.- A Concellería de Planificación Urbanística e Vivenda, dirixida por María Deza, xa encargou os proxectos para proceder á execución subsidiaria da demolición das estruturas de tres edificios con licenza caducada e dun declarado en ruína.
Hai tres anos que o goberno local iniciou o procedemento de caducidade de licenzas de ata dez inmobles inacabados en distintos puntos do municipio. Esqueletos de cemento e formigón, claros exemplos de feísmo, que ademais provocan problemas de salubridade e seguridade. Algúns xa foron derrubados polos propietarios e, noutros casos, nos que era posible, iniciouse o proceso de legalización para salvalos da piqueta. É o caso dunha edificación destinada a hostal dunha estrela en Montalvo, incluída entre as de licenza caducada, cuxa demolición foi asumida polo propio propietario.
Ante o incumprimento, o Concello procedeu á imposición de multas coercitivas, pero ante a pasividade dos donos, decidiu acudir á execución subsidiaria do derrubo e repercutirá os gastos ocasionados aos propietarios dos inmobles. Un procedemento que inclúe a contratación do proxecto, a licitación e a execución.
En dúas das edificacións, unha situada entre a Rúa Progreso e Rúa Cesteiros, declarada en ruína, e outra na Rúa Progreso, á altura da rotonda de Arnelas, o proceso está xa avanzado.
Nas outras dúas estruturas, un edificio de dúas plantas soterradas, planta baixa, tres andares e baixo cuberta en Fonte de Ons (Noalla), e outro edificio tamén en Fonte de Ons, con soto, planta baixa, tres pisos e ático para 32 vivendas, o proceso é máis complexo e o prazo podería alongarse.