Sanxenxo, 3 de xuño de 2025.- As obras da segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns, en Noalla, avanzan. O novo espazo multifuncional está xa só pendente da carpintería exterior, que será de cristal. O alcalde, Telmo Martín, visitou hai uns días a actuación, acompañado do concelleiro de Mantemento e Servizos, Yago Torres, e dos directores de obra durante a proba da iluminación interior.
Este espazo multifuncional permitirá albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade aproximada para 128 persoas sentadas e 222 de pé. Trátase dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do pazo, situada practicamente adosada ao muro perimetral de peche do patio de labranza. O seu deseño, en pedra, madeira e vidro principalmente, permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre.
Ademais, limpouse a finca oeste anexa para aparcadoiro de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcadoiro, pavimentarase con adoquín o acceso. Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcadoiro, proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte e acristalarase o pozo que existe no centro da parcela.
Entre as actuacións incluídas nesta segunda fase destacan a recuperación do antigo hórreo e da totalidade dos muros perimetrais e interiores. Ademais, prevese adecuar os ‘parladoiros’ do pazo cunha nova iluminación e habilitaranse itinerarios peonís coa instalación de lousas de granito tipo silvestre sobre cama de area.