A cita celebrarase os días 20, 21 e 22 de xuño na contorna da torre e na explanada onde se celebran as festas
Sanxenxo, 9 de xuño de 2025.– O Concello de Sanxenxo organiza “A Lanzada na Historia”, unha nova proposta cultural coa que se pretende poñer en valor a tradición e rememorar parte da historia deste enclave. A concelleira de Cultura, Elena Torres, e membros da Comisión de Festas da Lanzada presentaron esta mañá a cita, que terá lugar os días 20, 21 e 22 de xuño na contorna da torre, BIC desde 1985, e na explanada onde se celebran as festas patronais.
“Con esta festa queremos poñer en valor a historia, o patrimonio e a tradición dun lugar excepcional, onde conviven arqueoloxía, cultura popular e lendas. Durante tres días, A Lanzada transformarase nun espazo vivo da Idade Media, ofrecendo ao público un mercado tradicional, espectáculos de música, teatro, xogos populares e recreacións históricas nun ambiente festivo e participativo”, explicou Elena Torres.
“Queremos convidar a todos os veciños e visitantes a desfrutar desta nova proposta cultural, pensada para todos os públicos, e animámolos a vir vestidos para a ocasión. Agardamos que A Lanzada na Historia se consolide ano tras ano como unha cita imprescindible nas Rías Baixas”, incidiu.
Pola súa parte, Raquel Valladares, membro da Comisión de Festas da Lanzada, animou a vir desfrutar da festa “porque vai haber actividades para todos os públicos”.
O ambiente festivo comezará o venres, ás 16:00 h, co mercado medieval, pero non será ata as 16:30 h cando se inaugure coa lectura do pregón a cargo da concelleira de Educación e veciña da parroquia, Nati Parada. A continuación, haberá animación musical con Os do Barro. Pola noite, a partir das 21:30 h, haberá actuación musical de Os Firrás e, ás 23:30 h, Queimada Tradicional.
O sábado, a actividade comezará ás 10:00 h co mercado medieval. Ás 11:00 h, haberá tiro con arco e ás 13:00 h, actuación musical de Arroba de Viño. Ás 16:00 h, xogos populares: tira da corda, carreira de sacos e carreira de carretas. Ás 18:00 h, loita medieval, e a partir das 21:30 h, concerto de A Banda do Sequío. Ás 23:30 h realizarase unha representación do rito das “Nove Olas”. Durante todo o día haberá noria, barca e xogos populares. O domingo estará aberto o mercado medieval e haberá actuación musical de Arroba de Viño ás 13:00 h.