Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO ESIXE A COSTAS A SUBSTITUCIÓN URXENTE DA PASARELA DE MADEIRA DE BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O emblemático paseo discorre paralelo á única praia urbana que conserva o seu espazo dunar na ría de Pontevedra.

Sanxenxo, 20 de xuño de 2025.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou esta mañá a pasarela de madeira de Baltar para denunciar publicamente o seu deterioro e esixir a Costas do Estado, como administración competente, a substitución de forma urxente. “O Concello vai substituíndo as táboas que se rompen, pero o deterioro da estrutura, que ten 31 anos, fai que sirva de pouco”, explicou.

O rexedor, que estivo acompañado da concelleira de Planificación Territorial e Vivenda, María Deza, e do edil de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, incidiu en que “hai proxecto, había recursos económicos e vontade de substituíla na delegación de Costas de Pontevedra ata que chegou a Madrid e dixeron que non había cartos para Sanxenxo”. Unha resposta que, recoñece Martín, “colmou o vaso da nosa paciencia”.

Sanxenxo é o primeiro destino turístico do norte no verán, contribuíndo ao prestixio de España en Europa ao ser líder con 17 praias con bandeira azul e 8 sendeiros azuis. “A praia de Baltar é unha xoia, a única praia urbana da ría que conserva as dunas”, asegurou Martín, para a continuación lembrar que “Sanxenxo non para de mellorar as súas praias, asumindo moitas veces obras que tería que facer Costas, como os últimos desperfectos na praia de Canelas e Areas polos temporais ou o muro de Lavapanos”. En moitos casos, o Concello viuse obrigado a actuar ante a inacción de Costas e o grave risco para a seguridade das persoas.

Por estas e outras moitas razóns, o alcalde reclama máis atención da Dirección Xeral de Costas que, desde 2017, non investiu 1 euro en Sanxenxo. “Supóñese que é o Ministerio para a Transición Ecolóxica o máis interesado en protexer e conservar o amplo patrimonio natural de Sanxenxo”, incidiu. O municipio suma 730 hectáreas entre Rede Natura 2000 (368) e protección do litoral (362) que “merecen máis apoio do Ministerio”.

0
0
0
s2sdefault