Concello de Sanxenxo - A PROXECCIÓN DE MATRIA MARCA O INICIO DE SANXENXO DE CINE E INCLÚE UN COLOQUIO POSTERIOR COA ACTRIZ MARÍA VÁZQUEZ
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A película emitirase mañá xoves no salón de actos do Auditorio Emilia Pardo Bazán a partir das 21 horas

Sanxenxo, 25 de xuño de 2025.- A película Matria marca mañá xoves, ás 21 horas, o inicio do novo proxecto cultural Sanxenxo de Cine. A mostra internacional inclúe, tras a proxección do filme, unha charla-coloquio coa actriz protagonista María Vázquez e o produtor de cinema Dani Froiz.

As entradas poderanse retirar en www.ataquilla.com ou o propio día no Auditorio Emilia Pardo Bazán, onde se proxectará a película, cun prezo de 3,75 euros. Matria, do director Álvaro Gago, recibiu varios premios e nomeamentos, destacando en festivais de cinema e premios nacionais. Entre eles, o premio á Mellor Actriz no Festival de Málaga e nomeamentos aos Premios Goya como Mellor Dirección Novel e Mellor Actriz.

A película conta a historia de Ramona, unha muller de corenta anos, que vive afogada nun contexto laboral e persoal tenso e precario nun pobo da costa galega. Fai malabares con múltiples traballos para saír adiante e ofrecerlle un futuro mellor á súa filla Estrella. Pero cando Estrella está preparada para seguir o seu propio camiño, Ramona dáse conta de que, por primeira vez, pode facer algo por si mesma.

As proxeccións continuarán o venres 27 de xuño, ás 21 horas, con Polvo Serán de Carlos Marquez-Marcet; o sábado 28 de xuño, ás 21 horas, con Sirât de Oliver Laxe e o domingo 29 de xuño, ás 20 horas, con Malencolía de Alfonso Zarauza.

Esta nova cita cultural transformará o Auditorio Emilia Pardo Bazán nunha sala de proxección que achegará ao público algunhas das mellores historias do audiovisual galego e nacional.


0
0
0
s2sdefault