O aparcadoiro público, que funciona as 24 horas, non pechou ningún día desde a súa apertura, o 1 de xullo de 2005
Sanxenxo, 1 de xullo de 2025.– O aparcadoiro de Nauta cumpre hoxe 20 anos desde a súa entrada en funcionamento o 1 de xullo de 2005. O estacionamento, que xestiona a empresa municipal Nauta Sanxenxo, funciona as 24 horas do día e os 365 días ao ano, sen ter que pechar ningún día desde a súa apertura. A importancia que tivo ao longo destes anos o aparcadoiro público reflíctese nos 3.420.000 vehículos que estacionaron con ticket, é dicir, en rotación. O que supón unha media de 14.250 ao mes e de 460 coches ao día. Cifras que se superan amplamente nos meses de xullo e agosto cando chegan a aparcar máis de 1.100 vehículos diarios.
O aparcadoiro Nauta, que foi construído en apenas 75 días e que inclúe unha gran praza en superficie, a Praza do Mar, dispón dun total de 584 prazas repartidas na planta pública interior (206), a exterior (200) e o aparcadoiro privado (178). As instalacións, situadas en pleno porto deportivo, proporcionan un importante servizo de estacionamento para visitantes e veciños, que contan con dúas horas gratis en tempada baixa se teñen rexistrado o vehículo no municipio.
Ao longo destas dúas décadas, o aparcadoiro serviu tamén como punto de recollida humanitaria para Ucraína, como sede da Feira da Cebola en 2022 e como centro neurálxico das actividades do Nadal cunha pista de xeo como principal atractivo en 2023. Mentres que na planta exterior acolléronse concertos importantes como o de Sebastián Yatra ou, proximamente, Juan Luis Guerra, así como distintas actividades festivas como as atraccións e as orquestras.
Por outra banda, en canto á facturación, o aparcadoiro xera uns ingresos anuais que roldan os 300.000 euros, que repercuten en melloras para os veciños de Sanxenxo sen ter que recorrer ao orzamento do Concello. Por poñer dous exemplos recentes: a rampla axardinada ou o novo acceso para vehículos autorizados.