A cita será o mércores 30, ás 22:30 horas, e durante toda a xornada haberá postos con produtos típicos lusos no Paseo dos Barcos.
Sanxenxo, 21 de xullo de 2025.- Sanxenxo acollerá o próximo mércores 30 de xullo a gran gala Portugal no Camiño na Praza do Mar, ás 22:30 horas, por segundo ano consecutivo. A música é o fío condutor dunha relación entre Portugal e Sanxenxo que se mantén no tempo e que, nesta segunda edición, medrará con postos de produtos típicos lusos no Paseo dos Barcos durante toda a xornada. A Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Elena Torres, coa colaboración da Oca Band presenta un programa con artistas como Zé Amaro, Pili Pampín, Pepo Suevos, Lucía Pérez e os grupos folclóricos Os Frujeiras de Portugal e a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón.
A actividade comezará xa pola mañá, ás 12 horas, coa presentación da cita na Praza Pascual Veiga á que asistirá o coñecido artista portugués de música country Zé Amaro e na que actuarán os grupos folclóricos. “Queremos seguir reforzando este vínculo con Portugal, os nosos veciños naturais que nos elixen cada ano como destino vacacional. Ese día máis que nunca sentirán como na casa e poderemos demostrarlles o noso cariño e agradecemento”, apunta Elena Torres.
A entrada é libre ata completar aforo.